A Xunta avanza a bo ritmo na execución da nova senda entre A Xira e Cambre, que suporá un investimento autonómico de máis de 520.000€

Estas obras na estrada AC-214 comezaron en xuño e consisten na construción dun itinerario mixto, peonil e ciclista, de máis de 1,3 km que atravesa a ponte sobre o río Mero e conecta núcleos e zonas de equipamento e servizos
 

Finalizaron xa os traballos de movemento de terras e as canalizacións das conexións de telecomunicacións e pluviais, e está rematándose a colocación de bordos e pavimentación da senda
 

De seguido comezará a execución do reforzo de firme e rematarase a obra coa construción da gabia rebasable, o axardinamento, a sinalización e o balizamento previsto
 

A senda conectará a capitalidade do concello de Cambre cos itinerarios que existen ao longo do río e, a través doutras sendas impulsadas pola Xunta, co Temple, O Burgo e o Polígono de Alvedro
 

A Xunta segue traballando nos tres proxectos de sendas que ten en marcha no municipio de Cambre, que suman 2,7 novos quilómetros cun investimento de case 2 M€
 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2022

  A Xunta está a avanzar a bo ritmo na execución dos traballos da nova senda na estrada autonómica AC-214, no treito entre A Xira e Cambre, que suporá un investimento autonómico de máis de 520.000 euros

Trátase das obras iniciadas o pasado mes de xuño e que consisten na execución dunha senda mixta, peonil e ciclista, de máis de 1,3 quilómetros, conectando núcleos de poboación entre eles e zonas de equipamentos e servizos.

O itinerario transcorre pola marxe esquerda da AC-214, adaptado a súa configuración ás edificacións existentes, co fin de posibilitar o enlace a pé entre o núcleo de Cambre e A Xira, rematando na estrada AC-213.

Neste momento os traballos de movemento de terras e as canalizacións proxectadas, nas que se inclúen as conexións de telecomunicacións e pluviais, están finalizados e está rematándose a colocación de bordos e pavimentación da senda en formigón.

Segundo a programación da Consellería e Infraestruturas e Mobilidade, posteriormente comezará a execución do reforzo de firme e rematarase a obra coa gabia rebasable de 1,20 de ancho en formigón, o axardinamento da franxa situada entre a gabia e a senda e a sinalización e o balizamento previsto.

Deste xeito, ao remate das obras, a senda conectará a capitalidade do concello de Cambre cos itinerarios que existen ao longo do río Mero, e a través destes e doutras sendas que está a promover a Xunta, cos núcleos e centros de servizos do Temple, O Burgo ou o Polígono de Alvedro.

No que se refire ao deseño, a actuación execútase como unha senda de 2 metros de ancho, que se inicia no punto quilométrico 7+220 da vía autonómica AC-214 e discorre paralela a esta pola marxe esquerda, executándose entre treitos xa existentes, para atravesar a ponte existente sobre o río Mero e rematar no quilómetro 8+540.

No seu percorrido, o itinerario discorre por treitos de solo rústico e treitos de solo urbano. Nestes últimos repáranse as beirarrúas existentes, para o que se procede ao fresado da capa de rodadura e á súa posterior reposición. Ademais, acondicionarase a contorna da parada de autobús situada entre os puntos quilométricos 7+575 e 7+605.

Na intervención inclúese, tamén, a execución de dous muros de mampostería de 21 e 17 metros de lonxitude, respectivamente, e de altura variable de 1 a 2,50 metros, entre os puntos 7+329 ao 7+350 e do 7+971 ao 7+988 para soster a senda e mantela elevada sobre o leito do río existente.

Esta intervención é susceptible de financiación a través dos fondos europeos FEDER 14/20.

Tamén se continúa co bo ritmo nos traballos iniciados en xuño para habilitar outros 720 metros de senda na estrada AC-214 en Sigrás, desde o cruce coa AC-213 e a N-550, nos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo, e que suporá un investimento da Xunta de máis de 740.000 €. A actuación conta co financiamento dos fondos europeos FEDER React-UE.


A Xunta segue traballando nos tres proxectos de sendas que ten en marcha no municipio de Cambre que suporán a construción de 2,7 novos quilómetros de traxectos peonís e ciclistas seguros cun investimento de case 2 M€.

Imaxes relacionadas