O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa na clausura do festival de cine

Román Rodríguez destaca o OUFF como un dos grandes encontros para o músculo audiovisual galego

Salienta o seu papel para dar o pulo definitivo a Ourense como cidade de cinema

Subliña “o momento de esplendor creativo e de madurez alcanzado polos creadores audiovisuais galegos nos últimos anos”

O Goberno galego convoca hoxe as axudas á internacionalización do audiovisual galego

Ourense, 30 de setembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta tarde na clausura da 27ª edición do Festival de Cine de Ourense OUFF, que destacou como “un dos grandes encontros para o músculo audiovisual galego”. “O seu impacto é indiscutible como gran escaparate para os creadores máis punteiros de toda a escena galega, pero tamén para os proxectos internacionais de maior envergadura”, dixo.

 

No transcurso do seu discurso, o conselleiro salientou, así mesmo, o papel desta cita para dar o pulo definitivo a Ourense como cidade de cinema, “unha cidade que deu un paso adiante no referido a producións, con ata 20 títulos desenvolvidos na órbita da provincia”.

 

Román Rodríguez quixo subliñar tamén “o momento de esplendor creativo e de madurez alcanzado polos creadores audiovisuais galegos nos últimos anos, con compañías locais convertidas en auténticos referentes no panorama nacional e con creadores galegos celebrados globalmente, convertidos en embaixadores da marca Galicia de calidade”.

 

Finalmente, lembrou a posta en marcha por parte da Xunta do Hub Audiovisual, “un apoio sen precedentes ao sector para acelerar o seu desenvolvemento e garantir un chan de estabilidade para os seus profesionais”.  Neste senso, incidiu no reforzo do investimento da Administración autonómica no audiovisual galego, destinatario no que vai de ano de oito convocatorias de axudas dotadas con máis de 7,2 millóns de euros.

Internacionalización do audiovisual galego

Precisamente no marco do apoio a esta industria, a Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases da liña de axudas para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais en foros de negocio especializados e en eventos de cine fóra da nosa Comunidade.

 

O obxectivo desta convocatoria, dotada con 50.000 euros, é contribuír á internacionalización do cinema e da televisión producidos en Galicia. O prazo de solicitude estará aberto ata o esgotamento deste crédito ou, como máximo, ata o 2 de novembro.

 

Este orzamento distribúese entre dúas modalidades, a primeira delas destinada a asumir parte dos custos da asistencia das empresas a unha ducia de mercados e feiras internacionais de referencia para o negocio audiovisual. A segunda ten como obxecto contribuír á promoción dos filmes galegos seleccionados nalgún dos máis destacados festivais do circuíto estatal e internacional. A través dela, o ano pasado colaborouse na difusión dunha decena de fitas en certames como Cannes, Venecia, Toronto, Bos Aires, San Sebastián, Málaga, Sevilla ou Sitges.

Imaxes relacionadas