Lete Lasa afianza o compromiso da Xunta co deporte como motor económico e social nunha nova tempada que aspira a bater récords

Así o apuntou na inauguración do Máster en Xestión Empresarial do Deporte, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense da Universidade de Vigo

Ourense, 30 de setembro de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou na tarde de hoxe o Máster en Xestión Empresarial do Deporte, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense da Universidade de Vigo.

 

Lete Lasa definiu a este posgrao oficial como un programa único en Galicia e dos poucos en España que se atopa no número 13 da Clasificación Mundial 2021 de Masters en Sport Management elaborado por Sport Business International.

 

Nesta liña, afianzou, unha vez máis, o compromiso da Xunta de Galicia nunha nova tempada que aspira a bater récords, tamén orzamentarios, sen ter en conta os fondos europeos que alcanzarán pouco máis de 4,3 millóns de euros. “O Goberno galego seguirá impulsando o noso sector deportivo, sobre a base principal de que a práctica deportiva e de actividade física e o avance social manteñen unha relación de crecemento directamente proporcional”, apuntou.

 

O secretario xeral para o Deporte aseverou que, a pesar da pandemia, “o sector deportivo continúa sendo un ámbito económico en alza que contribúe ao crecemento, ao emprego e, en definitiva, á prosperidade dun país”. Neste sentido asegurou que Galicia seguirá sendo referente na “organización de competicións, na construción e xestión de instalacións e no financiamento da actividade deportiva”.

Imaxes relacionadas