Luis López salienta o coidado dos maiores como “máxima prioridade” da Xunta na recuperada festa da terceira idade de Rodeiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, acompañado polo alcalde, Rubén Quintá, e doutros representantes municipais, participou hoxe nesta xuntanza, á que asistiron máis de 200 veciños de Rodeiro
 

“A xente maior foi a que construíu a nosa terra con moito esforzo e traballo e, como sociedade, debemos amosarlle o maior cariño e as mellores atencións nesta etapa da súa vida, xa que o merecen con creces”, sinalou o representante autonómico
 

O evento, que se suspendeu nos dous anos anteriores por mor da pandemia, incluiu misa con ofrenda no Centro Cultural Manuel Lamazares, un xantar popular na Praza do Parque e unha sobremesa con entrega de premios e agasallos e sesión de baile

Rodeiro, 30 de setembro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, salientou o coidado das persoas maiores como “máxima prioridade” do Goberno galego co gallo da celebración da XXVIII Festa da Terceira Idade que se celebrou hoxe en Rodeiro tras dous anos de suspensión polas restricións derivadas da crise sanitaria da covid-19.

 

“A xente maior foi a que construíu a nosa terra, esa Galicia cun elevado nivel de vida e benestar da que hoxe gozamos as novas xeracións, adicándolle moito esforzo e traballo, polo que, como sociedade e tamén dende as administracións públicas, debemos amosarlle o maior cariño e as mellores atencións nesta etapa da súa vida, xa que o merecen con creces. E para elo traballamos todos os días dende a Xunta, artellando políticas, atencións, prestacións e servizos para que teñan a mellor vida posible”, sinalou o representante autonómico.

 

Luis López indicou, durante a súa intervención nesta xuntanza, que a Xunta está a modernizar as residencias da terceira idade cun formato pioneiro en España, liderou a vacinación fronte á covid-19 en todo o Estado durante a inoculación das tres primeiras doses e volve facelo co inicio da cuarta “para protexer aos maiores, que foron os máis vulnerables fronte á pandemia”, artella un sistema de Coidados Porta a Porta para achegarlles servizos de audioloxía, podoloxía e memoria, aplica rebaixas en impostos para que as súas pensións non perdan poder adquisitivo, deseña programas e actividades que leva a todos os concellos para que manteñan unha vida activa e ten habilitadas moitas prestacións para a terceira idade -Xantar na Casa, o transporte adaptado ou a teleasistencia- e infraestruturas, entre as que figuran as residencias, os centros de día ou as casas do maior, entre moitas outras.

 

“En definitiva, a Xunta está volcada cos maiores, como non podía ser doutro xeito, en sinal de cariño, de respecto, de agradecemento e de xustiza e cada día adicamos todos os recursos posibles para que teñan a maior calidade de vida posible”, concretou.

 

O delegado territorial, acompañado polo alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, e doutros representantes municipais, participou deste xeito na XXVIII Xuntanza da Terceira Idade de Rodeiro, que contou coa presenza de 220 maiores do municipio e comezou pouco despois do mediodía cunha misa no Centro Cultural Manuel Lamazares.

 

Posteriormente, celebrouse un xantar popular na Praza do Parque e unha sobremesa, na que se entregaron agasallos e premios e tivo lugar a agardada sesión de baile. Nesta edición, os premiados foron Edelmira Dacal Failde (96 anos) como muller màis lonxeva ; Serafín Doporto Sánchez (93 anos) , como home máis lonxevo; e o matrimonio de Gloria Fernández Saa e José Miguel García Viana, tamén o decano de entre os asistentes.

Imaxes relacionadas