A delegada territorial da Xunta en Ferrol achegouse hoxe aos talleres para escolares que se imparten no CIS Tecnoloxía e Deseño

Martina Aneiros pon en valor as actividades da G-Night á hora de achegar o traballo das investigadoras e investigadores galegos á sociedade

A representante do Goberno galego compartiu a mañá con alumnos do Ciclo de Deseño de Fabricación Mecánica do CIFP Ferrolterra e do CEIP A Laxe que participaron en talleres sobre novos materiais e realidade virtual e aumentada

Ferrol, 30 de setembro de 2022.-

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ao CIS Tecnoloxía e Deseño, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, onde se imparten algunhas das actividades presenciais incluídas na programación da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night.

 

Aneiros compartiu a mañá cun grupo de once alumnos do Ciclo de Deseño de Fabricación Mecánica do CIFP Ferrolterra e outros 25 escolares do CEIP A Laxe, que participaron nos talleres sobre novos materiais e realidade virtual e aumentada, onde puideron coñecer a tipoloxía e características de diferentes materiais, que tamén tiveron a ocasión de manipular, e descubriron novas tecnoloxías vinculadas ao mundo dixital.

 

A Noite Galega das Persoas Investigadoras, que conta co apoio da Xunta de Galicia, celébrase nas sete cidades galegas e está promovido por un consorcio de dez entidades galegas e coordinado pola Universidade de Vigo. Conta coas tres universidades, organismos de investigación e a colaboración do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía e os Museos Científicos Coruñeses.

 

A representante do Goberno galego puxo en valor a iniciativa que se suma ao evento de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Sklodowska-Curie do programa Horizonte 2020 -a Noite Europea dos Investigadores-. “É unha forma lúdica e amena de achegar o traballo das investigadoras e investigadores galegos e as súas repercusións na vida cotiá á sociedade a través de experimentos, talleres ou demostracións”, indicou a delegada territorial, quen tamén destacou a contribución destas propostas “ao fomento das vocacións STEM entre os escolares”.

 

Imaxes relacionadas