A Xunta e Xaquedrum achegan a cinco concellos lucenses actividades para fomentar a práctica do xadrez

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, participou na presentación do programa Xadrez no Camiño, que inclúe divulgación en centros educativos, exhibicións en espazos públicos e un Torneo maxistral con figuras internacionais

Lugo, 30 de setembro de 2022

A Xunta colabora coa asociación Xaquedrum no proxecto Xadrez no Camiño, que no mes de outubro achegará a cinco concellos lucenses diferentes actividades para fomentar a práctica do xadrez, crear lazos entre os xogadores da provincia e sumar novos afeccionados.

O delegado territorial do Goberno galego en Lugo, Javier Arias, e o presidente do colectivo promotor, Pablo Castro, presentaron hoxe a iniciativa, financiada dentro da liña de axudas de O Teu Xacobeo. Desenvolverase en Lugo, Palas de Rei, Castroverde, Portomarín e Guntín.

O programa inclúe exhibicións en espazos públicos, xornadas divulgativas en centros educativos e o II Torneo maxistral O teu Xacobeo, que contará con figuras internacionais do xadrez. Este torneo terá lugar do 9 ao 16 de outubro no edificio administrativo da Xunta en Lugo, en horario de 16.30 a 21.30 horas.

Entre as actividades previstas figura tamén o encontro Xadrez e Natureza, no paseo dos Muíños de Lugo -o 2 de outubro de 13.30 a 18.00 horas -; e exhibicións en diferentes escenarios da cidade, como o parque Rosalía de Castro – o 9 de outubro de 12.00 a 14.00 horas -; o salón de columnas do Círculo das Artes – o 15 de outubro de 11.00 a 14.00 – e o paseo da Mosqueira – o 16 de outubro de 11.00 a 13.00 -. Tamén haberá un torneo por equipos no claustro do Museo Provincial -o día 12 de 11.00 a 13.00 –.

Así mesmo, ao longo do vindeiro mes desenvolverase o programa Xaque nas aulas e recreos inclusivos en centros educativos dos cinco municipios.

O delegado destacou a “repercusión que está a ter en Lugo o programa O Teu Xacobeo” e fixo especial fincapé “na implicación de numerosas entidades do ámbito deportivo, que a través dos seus proxectos están a espallar entre a mocidade da provincia valores que comparten o deporte e o Camiño, tales como esforzo, convivencia e compañeirismo”, concluíu.

Imaxes relacionadas