A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuniuse coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, para presentar a alternativa elixida para a restitución definitiva do acceso ao municipio a través da LU-651

A Xunta investirá preto de 5 M€ na reconstrución do treito afundido da estrada do Courel, iniciando de forma inmediata a redacción do proxecto

Executarase a media ladeira un treito de 840 metros de novo trazado na LU-651, a unha cota intermedia entre a traza orixinal, salvando a zona do derrubamento cunha pendente máxima do 8%
 

Ethel Vázquez avanza o obxectivo de rematar o proxecto construtivo no 1º trimestre do ano para sometelo a información pública e poder licitar as obras a finais de 2023, cun prazo de execución de entre 10 e 12 meses
 

Sinala que a alternativa seleccionada permite facer a intervención co máximo coidado ambiental e coa menor complexidade construtiva
 

Contrapón a axilidade e transparencia da Xunta ante o desprendemento da LU-651 co proceder do Goberno no viaduto da A-6, que mantén pechado un dos principais accesos en autovía a Galicia sen coñecerse aínda as causas e a solución definitiva prevista
 

Lamenta a ausencia de explicacións sobre as obras de emerxencia levadas a cabo no viaduto da A-6 nas que se investiron 26 M€ e que falte aínda unha alternativa provisional completa e funcional para o tráfico en Pedrafita
 

Incide nos problemas que están a ter todos os días os camións ao transitar polo desvío habilitado que, tal e como recoñece o propio Ministerio, se agravarán co inverno e van a obrigar a desviar o tráfico pola N-120 e por outras estradas autonómicas

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2022

A Xunta investirá preto de 5 millóns de euros na reconstrución do treito afundido da estrada do Courel, á altura do quilómetro 18, na zona de Santa Eufemia, e iniciará de forma inmediata a redacción do proxecto.

 

Así o trasladou esta mañá en Lugo a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen, xunto co delegado territorial da Xunta, Javier Arias, mantivo unha xuntanza coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, para informarlle da alternativa elixida para a restitución definitiva do acceso ao municipio a través da LU-651.

 

Vázquez Mourelle informou que a solución definitiva para a reconstrución deste acceso é a execución dun treito de novo trazado da LU-651 a media ladeira, que suporá un investimento da Xunta de máis de 4,85 M€.

 

Explicou que ese treito de novo trazado da LU-651terá unha lonxitude de 840 metros e irá a unha cota intermedia entre a traza por onde transcorría antes e onde coroaba, salvando a zona do derrubamento, cunha pendente máxima do 8%.

 

A conselleira destacou que o obxectivo da Xunta é contratar de maneira inmediata a redacción do proxecto construtivo, cun prazo de execución de 3 meses, para telo rematado no 1º trimestre do ano e, a partir de aí, realizar os trámites administrativos necesarios: supervisión do proxecto, sometemento a información pública a efectos expropiatorios e aprobación definitiva.

 

Ethel Vázquez precisou que a Xunta traballa coa previsión de poder licitar as obras de reconstrución da LU-651 a finais do vindeiro ano, cun prazo de execución de entre 10 e 12 meses.

 

Máximo coidado ambiental

Explicou que a Xunta analizou un total de 5 alternativas, que van desde a reconstrución da ladeira desprendida con recheos ata a execución dun túnel ou viaduto, considerando finalmente este novo trazado a media ladeira como o idóneo.

 

Indicou que a solución elixida permite reconstruír a estrada co máximo coidado ambiental, evitando a afección á Rede Natura predominante na zona. Ademais, ten a menor complexidade construtiva, reduce o movemento de terras e as alturas dos desmontes, o que implica a mellor seguridade viaria e uns menores custos de conservación.

 

Serápreciso levar a cabo, principalmente, traballos de desmonte e recheo do terraplén, con intervencións importantes de saneo e estabilización da parte superior da ladeira, dado que a traza da vía se apoia directamente nela. Os traballos suporán un volume de escavación de 330.000 m². Ademais, executaranse importantes medidas de sostemento dos noiros, con bulóns e mallazo, achegando máxima estabilidade á ladeira e, polo tanto, garantías de seguridade.

 

Ethel Vázquez fincapé na principal vantaxe desta solución que, ao descorrer pola parte intermedia da ladeira, fai que se eliminen os riscos asociados á presenza de posibles oquedades ou cámaras que puideran orixinar afundimentos posteriores.

 

Puxo en valor o traballo intenso da Xunta desde que se produciu o desprendemento da ladeira no mes de marzo nesta estrada de Folgoso do Courel. Lembrou que desde o primeiro día traballouse na determinación das causas, derivadas da actividade da canteira; definiuse un desvío provisional  que se executou cun investimento de máis de 1 M€, e púxose servizo en pouco máis de dous meses, listo e operativo no verán, como se comprometeu. E remarcou que agora, de acordo cos prazos dados, a Xunta define e presenta a solución definitiva para reconstruír a LU-651, na que se comezará a traballar xa de maneira inmediata na redacción do proxecto construtivo.

 

En paralelo a esta actuación, Ethel Vázquez referiuse á 1ª fase das obras de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane que vén de iniciar a Xunta, para a ampliación desta estrada nun treito de 3,5 km. Tal e como se tiña previsto, e de acordo co Concello de Folgoso, decidiuse non iniciar esta obra ata que estivo executado e en servizo o acceso provisional para minimizar as afeccións á mobilidade dos veciños.

 

Mesma transparencia para o viaduto da A-6

A titular de Infraestruturas e Mobilidade contrapuxo o máxima axilidade e máxima transparencia da Xunta ante feitos imprevistos coma o ocorrido na estrada de Folgoso coa actuación do Goberno no viaduto do Castro da A-6, que mantén pechado un dos principais accesos en autovía a Galicia desde a Meseta e sobre o que, a día de hoxe, se seguen sen coñecer as causas e a solución definitiva.

 

A conselleira lamentou a ausencia de explicacións sobre as obras de urxencia nas que se investiron 26 M€ de cartos públicos antes de que caera o viaduto; así como que se siga sen unha alternativa provisional completa e funcional para o tráfico en Pedrafita.

 

Neste último punto, incidiu nos problemas que están a ter todos os días os camións ao transitar polo desvío habilitado, problemas que tal e como dixo, se agravarán co inverno, tal e como vén de recoñecer o propio Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e que vai obrigar a desviar o tráfico pola N-120 e por outras estradas autonómicas, desde Toral de los Vados ata Nadela, dixo.

 

Ethel Vázquez tamén lamentou que a estas alturas se siga sen saber aínda como se vai resolver o problema na A-6 de xeito definitivo.

 

Sinalou que a Xunta e aos galegos gustaríalles que o Ministerio achegase todas as explicacións oportunas polas que se leva tanto tempo agardando.

Imaxes relacionadas