A Xunta anuncia que o Centro loxístico de almacenamento e taller mecánico para o Parque Móbil do Servizo Antiincendios Forestais estará listo en 2023 no concello de Lalín

Esta nova unidade, que conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros, permitirá centralizar o material e vehículos do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais de Galicia

Tamén anunciou que a Consellería do Medio Rural está en trámites de licitación co Concello de Pontevedra para poder ampliar a base de Campiño, co fin de trasladar alí ás brigadas terrestres
 

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2022.-

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, anunciou esta mañá na Comisión 2ª do Parlamento que o novo Centro loxístico de almacenamento e distribución de material e taller mecánico para o Parque Móbil do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais estará listo no ano 2023 no concello de Lalín. Tamén indicou que a Consellería do Medio Rural se atopa actualmente en trámites co Concello de Pontevedra para poder licitar a ampliación da base de Campiño, proxecto que ten previsto que comece o vindeiro ano, co fin de acoller as brigadas terrestres alí.

 

Así, salientou que unha vez estea dispoñible este nova unidade e se leve a cabo a ampliación da base de Campiño, a Consellería do Medio Rural deixará libre as instalacións que están sendo agora mesmas ocupadas por material deste servizo no espazo natural de interese local de Xunqueira de Alba. Un espazo, engadiu o director xeral, onde tamén figuran outro tipo de instalacións pertencentes a outras administracións que, a día de hoxe, tamén fan uso dese espazo protexido.

 

Nesta liña, o director xeral indicou que o novo centro de loxística, situado nun punto estratéxico do territorio galego ao estar no centro da Comunidade, conta cun investimento da Consellería de 1,3 millóns de euros e permitirá centralizar todo o material e vehículos deste servizo, ademais de contar cun taller mecánico para vehículos e motobombas.  

Departamento:
C. do Medio Rural