A posta en marcha do novo centro integrado de FP en Vilagarcía aumenta nun 25% os alumnos matriculados en formación profesional no concello

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, explica no Parlamento que o reforzo da Formación Profesional foi ben acollido pola comunidade educativa, tal e como reflicten os datos
 

Subliña que se acometeu unha reestruturación e reforzo das rutas de transporte escolar que garante o servizo a todos os alumnos con dereito a el, en igualdade de condicións que o alumnado do resto de Galicia, independentemente de onde viva
 

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2022  O número de alumnos que cursan estudos de Formación Profesional en Vilagarcía de Arousa medra nun 25% este ano logo da posta en marcha do novo Centro Integrado de Formación Profesional CIFP Fermín Bouza Brey, que supuxo un incremento da oferta formativa nun 35%. En concreto, neste curso 2022-23 hai preto de 1000 alumnos matriculados en distintos ciclos formativos de FP fronte aos 800 do curso pasado.

 

Así o sinalou esta mañá ante a Comisión 4ª do Parlamento de Galicia o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, quen subliñou que a reorganización e o incremento da oferta de ciclos de Formación Profesional vinculados ao tecido socio-produtivo da zona foi “totalmente exitosa”, con ese crecemento de matrícula dun 25% mentres que a media de Galicia “con máximos históricos de máis de 60.000 matriculados está arredor do 3,5% de incremento de matrícula”.

 

No que atinxe ao transporte escolar, Manuel Vila reiterou o esforzo de planificación das rutas (tres ao instituto Armando Cotarelo Valledor á que se suma unha cuarta que antes ía ao Bouza Brey e que agora transporta alumnos ao Cotarelo Valledor), así como a creación de novas paradas, garante que o cen por cen do alumnado con dereito a bus escolar dispoñan deste servizo complementario. A maiores, lembra que moito outro alumnado sen dereito a bus escolar, por vivir a menos de dous quilómetros do centro como establece a normativa, tamén ten posibilidade de transporte gratuíto nas rutas regulares grazas á tarxeta Xente Nova.

 

Transporte escolar en igualdade de condicións

O representante da Consellería de Educación insistiu no compromiso do Goberno galego coa comarca de Arousa por unha educación de calidade cunha oferta formativa reforzada e con servizos complementarios nas mesmas condicións que o resto do alumnado de Galicia.

 

Finalmente, aproveitou para recoñecer o esforzo e o compromiso dos equipos directivos dos centros educativos de Vilagarcía de Arousa e do conxunto da comunidade educativa para dotar á comarca arousá do primeiro centro especializado de Formación Profesional, que eleva a 24 o total de centros deste tipo cos que conta a comunidade autónoma.

Imaxes relacionadas