Un total de 150 comunidades de montes veciñais, agrupacións e particulares beneficiaranse de case 4,5 M€ en axudas para a plantación de frondosas e coníferas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde de achegas da Consellería do Medio Rural para a plantación destas especies en arredor de 2.500 hectáreas dos montes galegos
Máis dunha quinta parte destes expedientes contemplan a transformación de terreos con eucalipto ou acacia negra en masas de coníferas ou de frondosas, acadando neste caso unha superficie de actuación de case 130 ha

A finalidade desta liña de achegas é favorecer o aumento da diversidade e da superficie forestal arborizada ao tempo que se avanza na anticipación de incendios
 

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio coa resolución da orde de axudas da Consellería do Medio Rural para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. Así, un total de 150 solicitudes foron aprobadas cun orzamento total de 4,5 millóns de euros, o que suporá a plantación de arredor de 2.500 hectáreas de coníferas e frondosas no territorio galego.

 

Precisamente, destas 150 solicitudes aprobadas, o 88% corresponden a comunidades de montes veciñais en man común, cunha concesión conxunta de 4,2 millóns de euros para actuar en case 2.300 ha. O resto atinxe a agrupacións -cun total de 8 expedientes, algo máis de 150.000 euros e 85 hectáreas- e particulares de xeito individual -cun total de 10 beneficiarios, uns 85.000 euros e 44 ha-.

 

A través desta liña de achegas, finánciase a plantación de coníferas e frondosas como piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras, entre outras especies. Ademais, cabe sinalar que unha quinta parte dos expedientes aprobados contemplan este tipo de forestación en terreos ocupados por eucalipto con diámetro normal inferior a 10 cm, e en terreos ocupados por acacia negra, mimosa e/ou falsa acacia. En total, os traballos incluídos nos expedientes suporán empregar máis de 2,5 millóns de unidades de planta, o que se traduce nun importante impacto positivo nos viveiros da comunidade.

 

Como novidade nesta última convocatoria, son obxecto das axudas os terreos cubertos por masas mixtas de coníferas, frondosas e matogueiras, con diámetro normal medio conxunto inferior aos 10 cm, no que a superficie ocupada pola especie dominante non superase o 60% da superficie total.

 

Así, o fin último desta liña de axudas é fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas con coníferas e frondosas, dando prioridade a estas últimas, e favorecendo deste xeito o aumento tanto da diversidade como da superficie forestal arborizada, ao tempo que se reduce o risco de incendios mediante a valorización dos terreos forestais.

 
Enlace ao anuncio no DOG:
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural