O mundo do fútbol protagoniza a estrea da temporada do Centro Dramático Galego con Ainé

O conselleiro de Cultura asiste á primeira función da obra xunto a presidentes de varios clubes de fútbol galegos


O espectáculo ‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’ leva a escena un libro aínda inédito de Nacho Carretero e está dirixido por Tito Asorey con dramaturxia de José L. Prieto


Xosé A. Touriñán,, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta integran o elenco


É a primeira das tres producións da temporada e representarase no Salón Teatro ata o 23 de outubro para comezar despois unha xira por distintos escenarios ata febreiro
 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu hoxe no Salón Teatro de Santiago de Compostela á estrea de Recortes, caneos e outras formas de driblar, o espectáculo do Centro Dramático Galego e Ainé que abre a temporada. Tamén estiveron presentes varios presidentes e representantes de clubes de fútbol galegos como Carlos Mouriño, do Real Club Celta de Vigo; Tino Saqués, do Club Deportivo Lugo; Antonio Couceiro, do Real Club Deportivo de A Coruña; José Criado, do Racing Club de Ferrol; Lupe Murillo, do Pontevedra Club de Fútbol e Javier García, da S.D. Compostela, así como Rafael Louzán, da Real Federación Galega de Fútbol.

 

A proposta escénica xorde dun libro aínda inédito de Nacho Carretero. Dirixida por Tito Asorey coa dramaturxia de José L. Prieto, pon o foco no mundo do fútbol desde múltiples perspectivas, tanto na súa dimensión visible como na súa cara oculta mesturando xornalismo, deporte e teatro. Así, Recortes, caneos e outros formas de driblar achega a través dun partido de fútbol un retrato escénico dosxogadores, adestradores, xornalistas, árbitros, directivos e seareiros. A peza propón desde a escena un traxecto lúdico, crítico e musical polo complexo mundo que arrodea a este gran deporte de masas con actores como Xosé A. Touriñán,, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta no seu elenco.

 

O equipo artístico deste espectáculo complétase con Vadim Yukhnevich ao cargo das composicións musicais, José Faro Coti asinando a escenografía, Laura Iturralde como responsable da iluminación e mais dos audiovisuais, Laura Baena á fronte do vestiario e Sara Rey na axudantía da dirección.

 
 

Catro semanas en Santiago

Recortes, caneos e outras formas de driblar ofrecerá representacións de mércores a domingo durante as case catro semanas que estará no Salón Teatro, ata o 23 de outubro. Seguindo a política de accesibilidade para todos os públicos posta en marcha polo Centro Dramático, as funcións serán inclusivas, con apoio en lingua de signos e materias especiais para a súa percepción. Os mércores haberá tamén sesións descontraídas, que se desenvolven nunha atmosfera acolledora e con máis tolerancia ao ruído e ao movemento no patio de butacas, formuladas para aquelas persoas cunha especial sensibilidade ou con necesidades sensorias específicas para a escoita e mais a comunicación.

 

As entradas están a venda, a través da plataforma dixital Ataquilla.com e da web recortes.gal. No despacho de billetes do Salón Teatro, poderanse adquirir nos días das funcións dende dúas horas antes do seu inicio. Tras o seu paso por Santiago comezará unha xira por distintos escenarios como Carballo, Ourense, Vigo, Narón, Pontevedra, Cangas, Burela, Lugo, Vilagarcía de Arousa, A Coruña e Ferrol ata febreiro.

 

Tres producións con máis de 100 funcións

Esta montaxe é o espectáculo que abre a temporada deste ano da unidade de produción teatral da Xunta. As outras dúas propostas son Shakespeare en Roma, con catro equipos de dirección, e Un hotel de primeira sobre o río, que leva a escena o texto de Xohana Torres codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres. 

 

Todas elas representan un investimento superior aos 600.000 euros e supoñen a contratación de 18 intérpretes. A previsión é realizar 110 funcións en total, cun modelo de distribución diferente para cada montaxe, para chegar á maior cantidade de público posible e crear novas audiencias.