A Xunta adxudica na primeira quenda 91 das 106 prazas de difícil cobertura na atención primaria a través do concurso de méritos

Logo desta primeira quenda de elección, o Executivo galego convocará proximamente a segunda quenda para a elección das prazas restantes


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, deu hoxe a benvida ao persoal que se incorporará aos seus centros de saúde ao longo do próximo mes e reforzará as gardas dos PAC


O Goberno galego foi pioneiro en España en empregar a selección por concurso de méritos para incentivar a cobertura de prazas vacantes
 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022 A Xunta de Galicia vén de adxudicar, na primeira quenda, 91 das 106 prazas convocadas de difícil cobertura na atención primaria galega a través do concurso de méritos. A segunda quenda para a elección das prazas restantes convocarase proximamente.

Nun acto de recepción aos facultativos celebrado esta tarde no Sergas, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, deu a benvida aos facultativos que se incorporarán aos seus centros de saúde ao longo do próximo mes e que reforzarán as gardas dos Puntos de Atención Continuada. Os 91 novos profesionais desta primeira quenda contribuirán a garantir a cobertura dos PAC ao realizar gardas nos Puntos de Atención Continuada, proporcionando unha atención sanitaria estable e de calidade a todos os cidadáns de concellos que levaban tempo sen médico fixo.

O conselleiro de Sanidade, quen estivo acompañado no acto de recepción pola xerente do Sergas,Estrella López-Pardo, e a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez, salientou a aposta da Xunta de Galicia por contar cun sistema de selección de persoal que aposta polo concurso de méritos para a cobertura, con praza fixa, dos postos máis difíciles de cubrir. Un sistema “máis áxil, que nos vai permitir incorporar facultativos de xeito urxente, estable e permanente aos hospitais, Puntos de Atención Continuada e centros de saúde con maiores carencias de profesionais”.

 

García Comesaña engadiu que esta convocatoria permitiu que cinco meses despois da súa publicación -o pasado mes de abril – “os novos médicos xa podan acceder as súas prazas, en contraste cos dous anos de duración media dun proceso de concurso- oposición”.

 

Galicia, pioneira na selección por concurso de méritos

O titular da sanidade galega defendeu, en liña coa aposta do Congreso e do propio Goberno ante a Unión Europea, que o sistema de concurso de méritos para a selección do persoal médico, un proceso iniciado por Galicia e pioneiro en España, debe seguir xeneralizándose, “sobre todo para un persoal como o facultativo que xa supera un exame para ter o título de especialista”. E salientou que “ademais dese avance no cambio nos modelos de selección, esta convocatoria avanza tamén noutra transformación na que cremos, esta a nivel asistencial: a maior integración da atención ordinaria e urxente na Atención Primaria”.

 

Comesaña insistiu na aposta da Xunta por dar continuidade a este mecanismo de selección, “coa recente aprobación do Proxecto de Lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar provisión de postos de difícil cobertura”, que superou esta semana o seu primeiro trámite parlamentario.

 

Tamén, o conselleiro de Sanidade lembrou na súa intervención que a falla de profesionais médicos non é unha realidade exclusiva de Galicia, senón un dos problemas máis graves que presenta a día de hoxe o sistema sanitario de toda España. “Un problema global pero que se fai aínda máis evidente naquelas localidades nas que, por circunstancias xeográficas ou organizativas, os postos son menos atractivos para os facultativos, coma é o caso dos hospitais comarcais ou dos centros de saúde máis illados”, explicou, para subliñar que “a falta de avances no acordo do Consello Interterritorial de Saúde de 2018 para reformar a lexislación estatal foi o que levou ao Goberno galego a afondar en medidas propias encamiñadas a solucionar este grave problema”.

 

O titular da Sanidade galega enumerou tamén outras melloras que compensarán o esforzo que está a realizar o persoal de primaria ante esta situación de déficit de profesionais, como o incremento de compensacións por intersubstitucións, a compensación por asunción de cota dun compañeiro ausente, a equiparación das retribucións por prolongación de xornada de tarde en atención primaria ou o incremento do 50 por cento nos complementos por prestar servizo en centros de saúde illados ou de difícil cobertura, entre outras.

 

Finalmente, García Comesaña quixo transmitir aos profesionais que se incorporan ás prazas de difícil cobertura o firme compromiso da Xunta e o apoio do Sergas tanto para o desenvolvemento da súa actividade diaria como para seguir afondando na súa formación.