A Xunta celebra mañá en Ferrol a noite das persoas investigadoras con actividades para todos os públicos

O CIS Tecnoloxía e Deseño participa con tres actividades: un taller de novos materiais, outro de realidade virtual e aumentada e unha xornada de portas abertas

Ferrol, 29 de setembro de 2022

O CIS Tecnoloxía e Deseño, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, únese un ano máis á celebración da Noite Galega das Persoas Investigadoras, que se celebrará mañá. Así, o centro, ubicado na Cabana, acollerá diferentes actividades co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía.

 

Pola mañá, celebraranse dous talleres dirixidos a centros de ensino -un centrado nos novos materiais e outro sobre realidade virtual e aumentada-, que contarán coa visita da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros e nos que participará alumnado dos centros de ensino IES Breamo de Pontedeume, CIFP Ferrolterra, e CEIP Plurilingüe A Laxe.

 

Pola tarde, de 18 a 20 horas, terá lugar unha xornada de portas abertas dirixida a público xeral na que se realizarán visitas guiadas ao centro e se poderán coñecer as instalacións de realidade virtual e aumentada, probar distintos dispositivos e demostradores e visitar a Materioteca de Galicia.

 

A Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) é un evento coordinado en Galicia pola Universidade de Vigo e promovido por un consorcio de dez entidades galegas entre as que se inclúen as tres universidades galegas e organismos de investigación, co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT) e dos Museos Científicos Coruñeses. Enmárcase na celebración da Noite Europea dos Investigadores, unha iniciativa da Unión Europea no marco do Programa Horizonte 2020 que inclúe actividades en preto de 400 cidades europeas.


En Galicia, a UVigo lidera un consorcio dun total de 10 socios, contando coas 3 universidades e organismos de investigación galegos (Universidade de Vigo; Universidade de Santiago de Compostela; Universidade da Coruña; Xunta de Galicia a través do CIS Tecnoloxía e Deseño; Centro de Supercomputación de Galicia; Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia, a través do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento; Centro Oceanográfico de Vigo; Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela;   Instituto de Investigación Biomédica A Coruña; Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia e Sociedad Española de Bioquímica y Biología Molecular). Ademais, participan nas actividades a Fundación San Rafael e o Centro Oceanográfico da Coruña.

 

Baixo o lema Conciencias creativas, as actividades tocarán todas as áreas de coñecemento, especialmente aquelas relacionadas coas chamadas misións propostas pola Unión Europea no programa Horizonte Europa. Celébrase nas sete cidades galegas, que se encherán de actividades de divulgación e entretemento en lugares afastados dos laboratorios, como rúas, museos, praias e bares, co obxectivo de dar a coñecer nun ambiente festivo o valor do traballo que desenvolven as e os científicos e científicas, así como a importancia desta actividade na sociedade.

 

A G-Night inclúe 73 actividades, entre obradoiros, paseos, visitas guiadas e portas abertas, espectáculos, charlas e programas, nas que están implicadas máis de 400 persoas tanto na súa organización como no desenvolvemento das mesmas. O ano pasado asistiron algo máis de 6000 persoas (entre os asistentes de centros escolares nos meses previos e no propio día e o público participante o día 24 de setembro de 2021 en toda Galicia) e implicou a 455 persoas participantes entre persoal investigador e técnico por parte dos organizadores e colaboradores.