A Xunta impulsa unha nova edición do programa A Mariña en Ruta a través do convenio co Xeodestino

O Goberno galego achega 56.000 euros para propostas que axuden a diversificar e desestacionalizar a oferta, e 1 millón de euros ao Plan de sustentabilidade turística

Foz (Lugo), 29 de setembrode 2022 A Xunta de Galicia impulsa unha nova edición do programa A Mariña en ruta a través do convenio de financiamento que mantén coa Mancomunidade de Municipios mariñá para a xestión do xeodestino, no que inviste 56.000 euros; deste xeito, dá cobertura a esta e outras propostas que axudan a diversificar e desestacionalizar a oferta turística da comarca.

 

A iniciativa, presentada hoxe en Foz, consiste en rutas guiadas por paisaxes naturais e recursos culturais e dará comezo o día 8 coa ruta dos Fornos e a Mina Consuelo da Pontenova. Celebraranse os sábados e festivos durante outubro e novembro e para este primeiro mes están previstos percorridos por Xove, O Vicedo, Alfoz e Burela.

 

O programa vai pola súa cuarta edición e estase consolidando como unha das actividades con maior atractivo do outono na zona, ademais de ser un claro exemplo do modelo que se pretende apuntalar a través do Plan de sustentabilidade turística.

 

A Xunta achega 1 millón de euros a este plan, que consta de 5 eixos programáticos con 18 liñas de actuación e, entre outros obxectivos, aposta por diversificar a oferta e aproveitar de forma sostible os recursos para a creación de equipamentos e produtos turísticos.

Imaxes relacionadas