Luis López destaca a colaboración entre a Xunta e a Universidade de Vigo para impulsar o crecemento e prestixio do campus de Pontevedra

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, acompañado pola vicerreitora, Eva Lantarón, realizou unha visita institucional ao centro de estudos da Xunqueira, que arrancou na Escola de Enxeñería Forestal, co gallo do inicio do curso académico
 

O representante autonómico salienta que a oferta académica elévase a doce graos, outros tantos másteres e cinco programas de doutorado tras incorporarse este ano o Mestrado en Exercicio Terapéutico e Funcional, que se impartirá en Fisioterapia
 

“O desenvolvemento deste campus foi espectacular nos seus trinta anos de historia e, dende a Xunta, imos seguir apoiándoo e traballando en común, xa que se a universidade avanza, toda Galicia avanza con ela”, explicou o delegado territorial

Pontevedra, 29 de setembro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou a “forte colaboración” entre o Goberno galego e a Universidade de Vigo para impulsar cada ano o crecemento e o prestixio do Campus Crea de Pontevedra. Neste senso, salientou a importancia deste traballo conxunto e garantíu que a Xunta “vai estar sempre apoiando a este espazo académico para que siga avanzando e mellorando”.

 

O representante autonómico realizou esta mañá unha visita institucional, que comezou pola Escola de Enxeñería Forestal, a gran parte das facultades e demais instalacións universitarias do centro de estudos da Xunqueira na compaña da vicerreitora, Eva Lantarón, co gallo do inicio do curso académico 2022/2023.

 

“O desenvolvemento deste Campus de Pontevedra foi espectacular nos seus pouco máis de trinta anos de historia e, dende a Xunta, imos seguir apoiándoo e traballando en común, xa que temos o pleno convencemento de que, se a universidade avanza, toda Galicia avanza con ela”, explicou o delegado territorial, que subliñou que as institucións galegas van subindo, ano a ano, nos ránkings e informes das principais universidades do mundo.

 

Luis López concretou que o Campus de Pontevedra conta con cinco facultades e dous centros adscritos, un deles no Concello de Marín, “cunha gran calidade e implicación no profesorado e un elevado grao de especialización en cienciais sociais, da saúde, enxeñería, artes e deportes”.

 

Nesta liña, indicou que a oferta pontevedresa, pertencente á Universidade de Vigo, alcanza este curso os doce graos, outros tantos másteres e cinco programas de doutorado, xa que se impulsou a incorporación dunha nova ensinanza de Mestrado en Exercicio Terapéutico e Funcional, dotada con vinte prazas e que se imparte na Facultade de Fisioterapia.

 

“A evolución do Campus de Pontevedra, pequeno polo momento pero moi moderno, permitiu poñer en valor un barrio periférico da cidade como o da Xunqueira, co cal tamén ten un compoñente urbanístico sostible moi importante, e esta aposta polas súas infraestruturas vai continuar nunha contorna privilexiada co apoio da Xunta e tamén noutros espazos, xa que está moi preto a cesión dun importante local no edificio administrativo de Benito Corbal”, concretou o delegado territorial.

 

Tamén indicou que o aumento da oferta, a mellora das instalacións e o incremento do seu prestixio “motiva que moitísimos estudantes de toda Galicia e de fóra da nosa comunidade teñan na súa mente a Pontevedra como posible lugar de estudos, o que xera unha importante sinerxia socioeconómica no municipio ao recibir a milleiros de persoas cada ano”.

 

Finalmente, Luis López salientou que o compromiso da Xunta coas universidades galegas plásmase tamén no plan económico acordado a finais do pasado ano e que suporá un financiamento de 3.200 millóns de euros no lustro 2022-2026, o que supuxo un incremento do 30% con respecto ao período anterior.

Imaxes relacionadas