A Xunta convoca 26 cursos de formación continua para Policía Local

O programa formativo oferta 556 prazas e impartirase na Academia Galega de Seguridade Pública, con especial atención aos contidos sociais

Ás inscricións deben formalizarse a través da web da Academia a partir de mañá e ata o 5 de outubro

A iniciativa súmase á oferta de formación continua para outros corpos e forzas de seguridade que traballan en Galicia

A Estrada (Pontevedra), 29 de agosto de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a convocatoria de 26 cursos de formación continua destinados á Policía Local dos concellos galegos. As accións formativas suman 566 prazas e desenvolveranse no último trimestre do ano na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

 

Segundo a resolución publicada, poderá participar nos cursos tamén persoal das demais forzas e corpos de seguridade que traballan na comunidade -Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-, para os que se reservan un 20% das prazas. As solicitudes de inscrición deben presentarse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da AGASP e o prazo para facelo vai desde mañá, 30 de setembro, ata as 14,00 horas do vindeiro mércores, 5 de outubro.

 

A programación formativa suma 430 horas lectivas e inclúe cursos en modalidade presencial e en liña. Trátase de formación práctica orientada ao labor profesional que desenvolven de xeito cotiá os corpos e forzas de seguridade, con especial atención ao contido máis social.

 

Nesta liña, vanse impartir por primeira vez na Academia cursos relacionadas coas intervencións en casos de persoas maiores en situación de vulnerabilidade e maltrato, de persoas con discapacidade intelectual ou con enfermidade mental, e de menores vítimas de violencia sexual. A maiores, haberá un curso de formación sobre a Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual, aprobada recentemente.

 

Haberá tamén outras accións formativas habituais e vencelladas á práctica máis cotiá, con cursos de protección de persoas e edificios, de aperturas e entradas dinámicas, do uso do inmobilizador electrónico, apertura policial, control de ruídos ou seguridade cidadá.

 

Formación para máis de 1.500 profesionais

A convocatoria publicada hoxe súmase á oferta de formación continua específica para Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil prevista para o que queda de ano pola AGASP. Deste xeito, no último trimestre do ano a Academia acollerá nas súas instalacións máis de 1.500 profesionais da seguridade pública, cun total de tres cursos semanais, a maiores doutras accións para persoa dos servizos de emerxencia.

 

Cómpre sinalar que a Academia de Seguridade Pública é un dos órganos máis representativos das policías locais de Galicia e, en xeral, un centro de referencia canto á formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias da comunidade. Así, está xa rematando a formación da 14 promoción de Policía Local, cuxo alumnado volve ás aulas este luns. Dela forman parte as persoas que superaron os procesos de selección unificados para cubrir prazas de axentes de Policía Local e auxiliares nos concellos adheridos de forma voluntaria ao convenio coa Xunta.