Diego Calvo aposta pola modernización do marco lexislativo local tamén no ámbito estatal

O vicepresidente segundo da Xunta participou hoxe na inauguración do Congreso Red Localis, onde demandou a modificación da Lei de Bases de Réxime Local
 

O Goberno galego está a impulsar xa a revisión da normativa autonómica en colaboración coa Universidade de Vigo e a participación de Red Localis
 

Nas liñas de acción a prol da mellora da xestión pública local galega estase a impulsar tamén a Cátedra de Bo Goberno Local, na que se enmarca este encontro centrado na gobernanza multinivel

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración do IV Congreso Red Localis, onde incidiu na necesidade de modernización do marco lexislativo local, tamén no ámbito estatal. Nesta liña, apuntou que o Estado “debe emprender unha modificación da Lei de Bases do Réxime Local” e lembrou que a Xunta xa está a impulsar a modernización da normativa autonómica en colaboración coa Universidade de Vigo e Red Localis. O acto contou tamén coa presenza da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, que impartirá unha ponencia sobre retos e desafíos nas competencias autonómicas sobre o mundo local.

 

Para o vicepresidente segundo, existen “temas pendentes que condicionan a capacidade de actuación dos entes locais e o desenvolvemento da propia autonomía local”. Por este motivo avogou por unha modificación da norma estatal que favoreza “o principio de subsidariedade”, para que os ámbitos competenciais propios do Estado ou das comunidades autónomas se dea só cando non sexa posible desde o eido local. “Habería que ir a un reparto de competencias entre todas as administracións no que optimicemos as funcións de cada unha”, engadiu.

 

Galicia xa está a traballar nese camiño a prol da mellora da xestión local pública galega coa recente formalización dun acordo coa Universidade de Vigo para iniciar un proceso de revisión, mellora e actualización do marco lexislativo autonómico en materia de administración local. Segundo sinalou Diego Calvo, o obxectivo é darlles resposta ás actuais necesidades e demandas “das institucións máis próximas á cidadanía e ao territorio”.

 

Cátedra de Bo Goberno Local

Xunto a esta iniciativa, o vicepresidente segundo referiuse tamén ao acordo coa Universidade de Vigo para a creación da Cátedra de Bo Goberno Local, na que se enmarca o congreso inaugurado hoxe. “Trátase dun instrumento único en España no que contamos coa experiencia investigadora e de transferencia do coñecemento de Red Localis”, incidiu o vicepresidente segundo.

 

Con esta iniciativa, o Goberno galego quere facilitarlles ás entidades locais solucións a problemas complexos e facilitarlles a toma de decisións, en termos de eficacia e eficiencia. Tamén se lles van dar a coñecer novas fórmulas de colaboración e resolver dúbidas sobre as competencias das administracións públicas, entre outras cuestións.

 

Neste marco de acción, o encontro inaugurado hoxe céntrase na gobernanza multinivel, un concepto que, en palabras de Diego Calvo, “recoñece a necesidade intrínseca da coordinación, colaboración ou cooperación entre gobernos”, así como da “integración dos servizos públicos e doutros programas con actores non gobernamentais”.