Rueda pon en valor o universo literario de Xosé Carlos Caneiro como testemuña da súa entrega a Galicia e do seu amor pola lingua

O presidente da Xunta participou na presentación da novela “Paraíso” do autor ourensán

Santiago de Compostela,  28 de setembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o universo literario de Xosé Carlos Caneiro como testemuña da súa entrega a Galicia e do seu amor pola lingua.

O titular do Goberno galego participou na presentación da última novela do autor ourensán, Paraíso, na que subliñou a mestría do escritor para crear un universo propio arredor de Ébora, o mundo imaxinario ao que volve o autor logo de ser protagonista da obra que con ese mesmo título publicou no ano 2000.

O mandatario galego destacou a vasta produción literaria e xornalística de Xosé Carlos Caneiro, formada por 16 novelas, 8 libros de poesía, ensaios e artigos do opinión, así como os premios recibidos ao longo da súa traxectoria, entre eles o Premio Xerais de novela, o Torrente Ballester ou o Blanco Amor.

A presentación da novela publicada por Ézaro Edicións tivo lugar esta tarde no auditorio do Centro da Obra Social Abanca, en Santiago de Compostela, nun acto ao que tamén asistiu o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez.

Imaxes relacionadas