O presidente da Xunta recibiu ao embaixador británico en España, Hugh Elliott

Rueda traslada ao embaixador británico o interese da Xunta por estreitar as relacións co Reino Unido para avanzar nos intereses comúns con Galicia

Trasladoulle ao máximo representante da diplomacia británica en España o pesar dos galegos polo falecemento da raíña Isabel II

Santiago de Compostela,  28 de setembro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou hoxe ao embaixador británico en España, Hugh Elliott, o interese do Goberno galego por estreitar as relacións bilaterais para avanzar nos intereses comúns entre o Reino Unido e Galicia.

O titular do Goberno galego recibiu ao máximo representante da diplomacia británica no seu despacho de San Caetano, onde lle trasladou o seu pesar e o do pobo galego polo falecemento da raíña Isabel II.

No encontro abordaron cuestións de interese para as relacións entre o Reino Unido e España; en particular, as que afectan directamente aos galegos a raíz da saída do Reino Unido da Unión Europea.

Alfonso Rueda e o embaixador británico coincidiron na necesidade de intensificar as relacións diplomáticas e institucionais para que as consecuencias do brexit non prexudiquen os vínculos entre británicos e galegos, tanto no que se refire ao comercio internacional como á pesca ou aos intercambios entre estudantes que tan bos resultados deron nos últimos anos.

Imaxes relacionadas