O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe unha pregunta no Pleno do Parlamento

A Xunta pide ao Goberno máis axilidade na xestión dos fondos europeos e que convoque canto antes o novo Perte da automoción

Conde insta ao Executivo central a reunir de inmediato o grupo de traballo que acordou con Stellantis e as comunidades de Galicia, Aragón e Madrid para definir un novo Perte no que se teñan en conta as necesidades da maior fábrica de vehículos de España

Advirte de que seguen sen abrirse liñas de axuda vinculadas a sectores estratéxicos para Galicia como o naval e o agroalimentario

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, pediu hoxe ao Goberno unha maior axilidade na xestión dos fondos europeos e que convoque canto antes un novo Perte da automoción para que Stellantis poida ter acceso a estas axudas.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Conde solicitou ao Executivo central que acorde coa industria e as comunidades autónomas cada un dos pasos que vai dando cos Perte para non repetir fracasos como o acontecido co sector da automoción, posto que preto de 2.400M€ do Perte do Vehículo Eléctrico e Conectado , é dicir, o 80% dos fondos, quedaron sen adxudicar tras a resolución provisional do pasado mes de agosto, que deixa fóra a factoría de Balaídos.

Nese sentido, instou ao Goberno a convocar de inmediato o grupo de traballo que acordou con Stellantis e as comunidades de Galicia, Aragón e Madrid para definir un novo Perte no que se teñan en conta as necesidades da maior fábrica de vehículos de España. E, do mesmo xeito, pediu que tamén active canto antes as axudas do Perte naval, da saúde e agroalimentario, e que inclúa o sector mar-industria neste último, para seguir apoiando a competitividade destes sectores estratéxicos para Galicia.

Conde expuxo que, segundo as cifras do propio Goberno, España só ten autorizados 18.000M€ dos 70.000M€ das transferencias asignadas pola UE no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia; é dicir, tan só 1 de cada 4 euros, cando o 70% dos fondos destinados a cada país deberán estar asignados ou comprometidos xuridicamente a finais de 2022 e o 30% restante o 31 de decembro de 2023 a máis tardar.

E, con respecto aos 7.700M€ en transferencias adicionais que está en fase de addenda, apuntou que Galicia xa propuxo que se destinen a novos Perte que respondan ás necesidades reais do tecido empresarial, entre os que se inclúen a bioeconomía, o forestal, o téxtil ou a industria cultural.

Galicia ten unha candidatura de proxectos solvente, que conforman, entre outras, iniciativas como a plataforma ideada por Stellantis para fabricar desde Vigo os novos modelos eléctricos do grupo a partir de 2026; a planta de ánodos de grafito para baterías prevista por Showa Denko na Coruña; ou a factoría de fibras téxtiles sostibles proxectada por Altri en Palas de Rei.

De igual xeito, outros proxectos estratéxicos para a industria galega nos que está traballando a Xunta de Galicia son a planta de hidróxeno verde que Reganosa e EDP Renovables proxectan nas Pontes; a fábrica de pneumáticos de Sentury Tire, tamén neste concello; ou a proposta do grupo farmacéutico Kern Pharma, que prevé construír unha nova planta en Monforte de Lemos.

Son todas iniciativas transformadoras que cumpren cos requisitos fixados pola UE, polo que o vicepresidente primeiro volveu solicitar a descentralización da xestión dos fondos para que se faga nun tempo razoable e se axuste ás propostas do tecido produtivo.

Imaxes relacionadas