A Xunta aprobará mañá no Consello o incremento das axudas á compra de material escolar nun 50%

O importe total dos vales, dirixidos ás familias que menor renda teñen, acadará os 75€

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades pon en valor o sistema de gratuidade solidaria do Goberno galego, “redistributivo e organizado a partir da renda das familias, co que chegamos ao 75% do alumnado

Esta medida enmárcase no paquete de accións do Goberno galego para aforrarlle 107M€ ás nais e pais este curso

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, avanzou esta tarde no Parlamento de Galicia que a Xunta aprobará mañá no Consello o incremento das axudas á compra de material escolar. Deste xeito, o importe total dos vales, dirixidos ás familias cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000€, acadará os 75€, o que supón un incremento do 50% do que se beneficiarán máis de 90.000 alumnos.

 

O conselleiro explicou que en Galicia, ademais de dotar de libro dixital a alumnos de 5º de Primaria a 4º de ESO, hai varios tipos de axudas baseadas en criterios de renda, en concreto o fondo de libros gratuítos, as axudas económicas para compra de manuais e o devandito cheque para material escolar. “Con este sistema redistributivo e organizado a partir das rendas das familias chegamos ao 75% do alumnado”, destacou.

 

Román Rodríguez puxo en valor o modelo galego de gratuidade solidaria, “que se sustenta sobre a premisa de axudar máis a quen máis o precisa”. “Temos un sistema redistributivo porque a aplicación de criterios de renda implica un reparto máis igualitario da riqueza”, fronte ao modelo do PSdeG, “de café para todos”, sinalou.

 

O titular do departamento educativo do Goberno galego salientou que este programa se enmarca nas distintas medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para aforrarlle este curso ás familias 107M€ e que chegan tamén a outros ámbitos como os comedores ou as taxas universitarias.

Imaxes relacionadas