O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta mañá na presentación dun foro sobre esta cuestión
A Xunta lembra que o novo modelo de residencias contempla reducir ao mínimo o uso de suxeicións
Deberán empregarse como último recurso, de xeito temporal e sempre que exista prescrición médica e consentimento informado
Para iso, o Goberno galego está a realizar un importante esforzo na formación do persoal, na adaptación de espazos e no uso de novas tecnoloxías
A Coruña, 28 de setembro de 2022.- O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, lembrou que o novo modelo de residencias da Xunta de Galicia contempla reducir ao mínimo o uso de suxeicións nos centros de maiores. Fíxoo durante a presentación dun webinar sobre esta cuestión organizado pola Unidade de Coordinación e Apoio Asistencial a Residencias da área sanitaria da Coruña e Cee.
O director xeral explicou que un dos obxectivos desta reformulación do modelo de coidados elaborada polo Comité Asesor Sociosanitario é seguir humanizando as residencias, para que sexan máis parecidas ás casas das persoas usuarias. Por este motivo, resulta fundamental eliminar na medida do posible o uso de suxeicións. Estas serán empregadas como último recurso e de maneira temporal sempre que exista unha prescrición médica e un consentimento informado.
Antón Acevedo destacou que para substituír o uso das suxeicións, o novo modelo contempla unha maior formación do persoal de atención, a adaptación dos espazos nestes centros para facelos máis accesibles e o uso das novas tecnoloxías, que permiten detectar caídas ou outras incidencias. Así mesmo, o director xeral afirmou que o Goberno galego realiza un exhaustivo control por medio dos servizos de inspección para investigar o incumprimento desta limitación.