Culturgal fornecerá a súa dimensión profesional e redefinirá o modelo de feira co apoio da Xunta no seu 15º aniversario

O director da Axencia Galega de Industrias Culturais participa na presentación da feira sectorial, que se celebrará entre o 24 e o 27 de novembro en Pontevedra

O acto serviu como presentación oficial de Eva Alonso como nova directora do evento, que se desenvolverá baixo o lema ’15 anos cos fíos da Cultura’

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é o patrocinador principal cunha achega de 65.000 euros e coa incorporación ao programa xeral de diferentes iniciativas xurdidas ao abeiro do seu Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo

Pontevedra, 28 de setembro de 2022

Culturgal celebrarase entre o 24 e 27 de novembro en Pontevedra e de novo, co apoio da Xunta, institución patrocinadora principal ao achegarlle 65.000 euros para a súa organización. O Pazo da Cultura de Pontevedra, sede do evento, acolleu hoxe a súa presentación nun acto con Eva Alonso como nova directora. Coincidindo co seu 15º aniversario, a edición deste ano chega coa intención de anovar o modelo de feira e de fortalecer a súa dimensión profesional.

 

O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou nesta presentación na compaña do presidente da Asociación Culturgal, Víctor López, e de Eva Alonso, así como de representantes doutras entidades colaboradoras. Sutil felicitou por esta nova andaina a actual responsable do Culturgal, de quen puxo en valor a súa “enerxía e capacidade”,  e aproveitou a ocasión para recoñecer tamén “o compromiso e dedicación” que amosou ao longo dos anos Xosé Aldea, o antecesor de Alonso no cargo.

 

O representante da Xunta destacou o “duplo cometido” de Culturgal ao lembrar o seu papel de “plataforma de difusión” do traballo dos profesionais do sector e a súa vertente de “foro de intercambio” entre os diferentes axentes implicados nas industrias culturais. Sutil adiantou, ademais, que a implicación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades materializarase tamén a través da incorporación ao programa para o público xeral de distintas iniciativas que agromaron ao abeiro do seu Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo.

 

Propostas e expositores

Culturgal 2022 deu a coñecer así mesmo a súa liña gráfica para esta edición baixo o lema 15 anos cos fíos da Cultura. Afronta a edición deste 2022 asumindo diferentes modificacións na súa estrutura, no deseño de programación e no seu propio calendario. Neste senso, cómpre destacar que dentro da súa decidida aposta por poñer o foco na dimensión profesional dedicará ao completo o seu primeiro día, o xoves 24 de novembro, a un programa destinado en exclusiva a empresas, entidades, asociacións e demais axentes implicados nas industrias culturais.

 

Conseguir a comercialización de produtos culturais durante a feira, que redeseñará a súa distribución espacial dentro do recinto do Pazo da Cultura pontevedrés, é tamén outro dos obxectivos marcados pola nova dirección.

 

No que respecta á programación, a directiva de Culturgal nun labor conxunto coa dirección da feira, deseñou no verán boa parte da carteleira coa meta de que primen a calidade e a novidade por riba do volume. Este traballo de estruturación de actividades completarase coa recepción de propostas para os espazos Libro, Infantil e Arte, que xunto co Auditorio (dedicado ás artes escénicas e musicais), o Salón de Actos (centrado no audiovisual) e o Espazo Profesional, constitúen os grandes ámbitos programáticos da feira. Este prazo mantense aberto até o próximo 16 de outubro.    

 

O período de contratación de stands, aberto inicialmente ata o 31 de outubro, está xa pechado para as entidades privadas, por estar esgotados xa os espazos dispoñibles. As empresas e entidades cun posto no Culturgal terán prioridade na valoración das propostas de actividades presentadas. 

 

A Asociación Culturgal está constituída por Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).