O avance das obras da senda peonil na AC-214 en Sigrás, no Concello de Cambre, permitirá iniciar de maneira inmediata os traballos de pavimentación

Mantense o bo ritmo dos traballos, iniciados en xuño, para habilitar este itinerario de 720 metros, desde o cruce coa AC-213 e a N-550, nos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo

A nova senda supón un investimento da Xunta de máis de 740.000 € e estará rematada entre finais deste ano e comezos de 2023

Xa están rematadas as demolicións previas, o movemento de terras e os muros e nestes días estas a ultimar a execución das instalacións de saneamento, abastecemento, pluviais, telecomunicacións e alumeado

O departamento que dirixe Ethel Vázquez ten en marcha tres proxectos de sendas no municipio, que suporán a construción de 2,7 novos quilómetros de traxectos peonís e ciclistas seguros cun investimento de case 2 M€

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022  O avance das obras da senda peonil na estrada AC-214 en Sigrás, no concello de Cambre, permitirá iniciar, xa de maneira inmediata, os traballos de pavimentación.

A Xunta mantén o bo ritmo na execución dos traballos, iniciados o pasado mes de xuño, cos que se habilitará un itinerario de 720 metros de lonxitude no tramo que vai desde a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550, dentro dos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo.

Esta nova senda supón un investimento autonómico de máis de 740.000 euros e a previsión é que estea rematada entre finais deste ano e comezos de 2023.

Están xa rematadas as demolicións previas, o movemento de terras e tamén os muros. Nestes días estase a ultimar a execución das instalacións de servizos de saneamento, abastecemento, pluviais, telecomunicacións e alumeado. Isto permitirá iniciar os labores de pavimentación da senda, coa colocación dos bordos e pavimentos de formigón, para acometer, por último, os traballos de sinalización horizontal e vertical e o balizamento.

O conxunto da actuación

Esta intervención de mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria execútase nun treito da vía autonómica con pouca dispoñibilidade de espazo, o que fai necesario a execución de muros de sostemento para conseguir unha plataforma ampliada na que se poida dispoñer a senda.

Máis en detalle, o novo itinerario en Sigrás, duns 720 metros de lonxitude, contará con pavimento de formigón e unha sección variable adaptada á configuración da estrada, que conta con edificacións nas súas marxes. En calquera caso, garántese a accesibilidade mediante unha sección mínima de 1,80 metros, máis 20 centímetros de bordo transitable de separación da calzada.

Ademais, ampliarase a calzada entre os puntos quilométricos 8+860 e 9+280, xa que a actual sección é insuficiente, e conseguiranse dous carrís de 3 metros e beiravías de 0,5 metros. Nas zonas nas que sexa posible acondicionarase banda de aparcadoiro.

A intervención, que no seu conxunto conta cun prazo de execución de 9 meses, inclúe a execución da necesaria drenaxe, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas e acondicionamento de dúas das paradas de bus.

Esta actuación conta co financiamento dos fondos europeos FEDER React-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19 dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez ten en marcha tres proxectos de sendas no municipio de Cambre que suporán a construción de 2,7 novos quilómetros de traxectos peonís e ciclistas seguros cun investimento de case 2 M€.

 

Imaxes relacionadas