A Galicia Design Weekend converterá Vigo na capital do deseño do noroeste peninsular co apoio do Xacobeo 21-22

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou este mércores a iniciativa gratuíta que se celebrará o vindeiro 1 de outubro na cidade dentro do programa da Galicia Design Week
 

“É unha inmellorable ferramenta para preservar e promover a cultura propia, abríndoa a novos públicos e cunha gran capacidade de proxección internacional”, sinalou a representante autonómica

Vigo, 28 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este mércores na presentación da Galicia Design Weekend, un festival pioneiro que recalará o vindeiro 1 de outubro na cidade. O evento conta co apoio do programa “O Teu Xacobeo” e ofrecerá conferencias, exposición e obradoiros totalmente gratuítos. 

 

“Estamos ante unha iniciativa que chega por primeira vez en Vigo reunindo o mellor deseño galego con referentes de fóra, de forma que converterá á cidade na capital do deseño do noroeste peninsular cun festival gratuíto, híbrido e dentro do circuíto internacional de semanas do deseño”, sinalou Fernández-Tapias.

 

Durante a presentación, a representante autonómica destacou o apoio do Xacobeo 21-22 cunha actividade que “representa unha inmellorable ferramenta para preservar e promover a cultura propia, abríndoa a novos públicos e cunha gran capacidade de proxección internacional”. A delegada territorial estivo acompañada no acto pola arquitecta María Fandiño Iglesias; o director do estudio de deseño gráfico “Chachachá Studio”, da Galería Maraca e da Revista DOT, Raúl Bernárdez, e polo director do Festival e da Axencia Folow, Álex Rico.

 

Conferencias

As conferencias estarán a cargo de Noemí Díaz Patiño, fotógrafa e directora de arte viguesa afincada en Braga, onde traballa para a plataforma Farfetch; de RVR, estudio de arquitectura santiagués formado por Alberto Redondo, José Valladares e Marcial Rodríguez, autores da adecuación da contorna do faro de Fisterra ou o Museo do Pobo Galego.

 

Nas charlas tamén estarán presentes María Fandiño, arquitecta nada en Vigo con múltiples premios, como a súa Explanada do Horizonte ou o Premio Nacional de Arquitectura do CSCAE na categoría de Sostenibilidade e Saúde; polo estudio bilbaino Cuchillo, con clientes como Jägermeister, Matadero Madrid, BBK Live ou o Goberno Vasco, e polo estudio vigués Chachacha, especializado en ilustración, branding e motion graphics.

 

Exposicións

Ademais, haberá exposicións e instalacións como “Error Design”, unha mostra dos traballos de deseño musical da axencia catalá na Galaría Maraca (o sábado 1 ao domingo 30 de outubro); “#novodeseñogalego”, co mellor talento emerxente galego sobre unha instalación do estudo de arquitectura galego Flu-or na rúa do Príncipe e “Arquitectura do Camiño”, exposición da mellor arquitectura do século XXI a lo longo do Camiño de Santiago, comisariada e diseñada polo estudio vigués Castroferro na sede do COAG en Vigo.

 

Galicia Design Week

A iniciativa viguesa está enmarcada na primeira edición da Galicia Design Week, un festival totalmente gratuíto, cun completo programa de desenvolvemento sostíbel nos eidos ambiental e social e dentro do circuíto internacional de semanas do deseño.

 

Desde a asociación Galicia Design, en colaboración coa xencia creativa galega Follow (follow.gal, Urbanlab SL), promove a primeira edición da Semana do Deseño Galego (Galicia Design Week, marca exclusiva rexistrada por Follow), coa Asociación Galega de Deseño (dag.gal), o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (portal.coag.es), o Clúster da Comunicación de Galicia (clustercomunicacion.gal) e a Fundación DIDAC (didac.gal) coma socias e cunha intensa relación cos centros públicos formativos de deseño galegos.

Imaxes relacionadas