A Xunta adxudica a redacción do proxecto para a execución dun itinerario na estrada AC-552 en Nantón, no Concello de Cabana de Bergantiños

O contrato, adxudicado por máis de 18.000 euros, definirá as actuacións necesarias para habilitar unha senda mixta, de uso peonil e ciclista, pola marxe dereita da vía

Construirase un itinerario de 1,5 km de lonxitude e de 2 metros de ancho, que permitirá unha mobilidade máis sostible e saudable aos veciños

A intervención beneficiará aos usuarios do centro integral para persoas con diversidade funcional, que poderán acceder de modo seguro ao centro de saúde, á parada de autobús, á farmacia, ao campo de fútbol e outros equipamentos da zona

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022  A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 18.000 € o contrato para a redacción do proxecto de construción dun itinerario na estrada AC-552, ao paso pola parroquia de Nantón, no concello de Cabana de Bergantiños.

O contrato, adxudicado á consultora N-Cubed Ingeniería, Innovación, investigación, S.L permitirá definir as actuacións necesarias para habilitar unha senda mixta, de uso peonil e ciclista non deportivo, pola marxe dereita da estrada, entre os puntos quilométricos 49+650 e 51+150.

O obxectivo é habilitar un itinerario de 1,5 quilómetros de lonxitude, 2 metros de ancho e pavimento de formigón en cor, que permitirá unha mobilidade máis sostible e saudable  aos veciños que viven nos núcleos próximos.

A intervención beneficiará de xeito directo aos usuarios do centro integral para persoas con diversidade funcional. Coa nova senda, poderán acceder de modo seguro ao centro de saúde, á parada de autobús, á farmacia, ao campo de fútbol e a outros comercios e equipamentos da zona.

No desenvolvemento do proxecto avaliarase tamén a necesidade de proceder á expropiación de terreos para a súa execución.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa co seu compromiso de mellora da rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.