A Xunta afronta a fase final da construción dunha senda peonil na PO-313 entre Pardavila e Cadro, no concello de Marín, cun investimento de 611.000 €

O delegado territorial, Luis López, acompañado pola alcaldesa, María Ramallo, supervisou hoxe pola mañá esta actuación, consistente na creación dun itinerario seguro de 800 metros que quedará rematado antes de que conclúa o presente ano

A obra, que dá continuidade ao plan de fomento da mobilidade sostible e incremento da seguridade viaria no Morrazo, conta cunha senda cunha anchura mínima de 1,8 metros e contempla melloras na intersección, unha marquesiña e un espazo público

“Seguimos a traballar na rede de sendas do Morrazo e impulsamos esta nova no Concello de Marín para darlle continuidade á executada entre Coirados e Pardavila para alcanzar un paseo continuo de tres quilómetros”, detallou Luis López
 

Marín, 28 de setembro de 2022.-

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, xa afronta a fase final das obras de construción dunha senda peonil de 800 metros de lonxitude na estrada autonómica PO-313 no treito entre Pardavila e Cadro, no Concello de Marín, cun investimento de 611.849 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa, María Ramallo, e outros representantes municipais, supervisou hoxe pola mañá esta actuación, enmarcada no Plan de Sendas do Morrazo para o fomento da mobilidade sostible e da seguridade viaria.
 
A obra, que se executa entre os puntos quilométricos 3+330 e 4+130 desta estrada entre Marín e Moaña, comezou na primeira metade deste 2022 e está previsto que quede rematada antes de que conclúa o presente ano.

“Seguimos a traballar na rede de sendas da bisbarra do Morrazo e impulsamos esta nova no municipio de Marín para darlle continuidade á executada con anterioridade entre Coirados e Pardavila e acadar deste xeito un paseo continuo de tres quilómetros nunha zona de bastante tráfico”, detallou o representante autonómico.

Formato da senda

O novo itinerario, que discorre pola marxe esquerda, está dotado de formigón de cor terrizo e limítase exteriormente por un bordo que o diferencia do resto da plataforma. O ancho do itinerario é variable, dependendo do espazo existente en cada contorna, pero conta en todos os puntos cun mínimo de 1,8 metros.

De modo complementario, trasladarase lixeiramente un cruceiro que hai na marxe esquerda da estrada ata un lugar próximo para garantir a anchura mínima da senda e derrubaranse unhas edificacións en estado ruinoso e non habitadas para acondicionar un pequeno espazo público en forma de praza, con pedra recuperada do derrubo, orientado ao goce dos veciños. Disporase, ademais, de iluminación e varios bancos.

Tamén vaise a mellorar a seguridade viaria dunha intersección, procederase ao retranqueo da marquesiña existente na parada de bus do punto 3+440 e á instalación dunha nova no punto 3+950, reubicaranse os colectores de lixo, retranquearanse varios muros de contención e repoñeranse a rede de drenaxe e os servizos afectados, ao tempo que se instalan tubaxes para as liñas de telecomunicacións.

Esta nova senda dará continuidade ao anterior itinerario xa executado pola marxe esquerda da PO-313, de preto de 2 quilómetros, logo dun investimento da Xunta de 715.000 euros cofinanciado con fondos FEDER 2014/2020. Trátase da senda que comeza á saída da travesía de Marín, dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín. En conxunto, conformarase un itinerario continuo de case 3 quilómetros nesta estrada, entre os puntos quilométricos 1+380, en Coirados, e 4+130, en Cadro, no que supón unha importante mellora da seguridade peonil nesta vía.

Estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, co que a Xunta está a habilitar, nas estradas da súa titularidade, ata oito itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas