A Xunta pon en valor en Lleida as máis de 9.300 hectáreas que están sendo mobilizadas a través da lei de recuperación da terra agraria de Galicia

Inés Santé puxo en valor os 21 polígonos de iniciativa pública e as 21 aldeas modelo existentes en Galicia a día de hoxe, mediante os cales se están a beneficiar máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas


Salientou que a Xunta traballa na posta en marcha do Banco de Explotacións, que pretende favorecer a remuda xeracional no agro galego e así darlle continuidade ás explotacións existentes


Incidiu na importancia de identificar e ordenar os usos da terra e destacou a creación dun Catálogo de solos agropecuarios e forestais, que tratará de facer unha planificación integral contemplando os usos agrícolas, gandeiros e forestais
 

Lleida, 28 de setembro de 2022  A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou no V Congreso Nacional de Enxeñeiros Agrónomos, celebrado en Lleida, onde puxo en valor as máis de 9.300 hectáreas que están sendo mobilizadas a través da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia no seu primeiro ano de vixencia.  

 

Así, a directora xeral explicou que esta norma -que entrou en vigor en maio do ano pasado- naceu co propósito de poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións existentes que a precisan, dun xeito totalmente transparente e con total seguridade xurídica en cada un dos procesos.

 

Neste senso, Inés Santé destacou a boa acollida que tiveron os diversos instrumentos de mobilización de terras, tales como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais, cos que se consegue recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona. Ademais, insistiu, en que se dinamiza o territorio e se xera actividade económica, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais.  

 

Así, a directora xeral puxo en valor os 21 polígonos de iniciativa pública existentes en Galicia a día de hoxe, dos cales 10 están xa iniciados e 11 se atopan en fase de actuacións previas. Un montante que supón a mobilización de 8.788 hectáreas de territorio. A isto, súmanse outras 21 aldeas modelo aprobadas, que supoñen a mobilización doutras 574 hectáreas. Entre ambos instrumentos de recuperación, matizou a directora xeral, estase a beneficiar a máis de 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.

 

Unha cuestión, precisou Santé, que ten moito peso se temos en conta a estrutura complexa da propiedade en Galicia. Así, lembrou que na nosa comunidade hai máis de 11 millóns de parcelas propiedade de 1,6 millóns de titulares individuais e cuxa superficie media oscila os 2.500 metros cadrados. Ante iso, salientou, é preciso impulsar ferramentas que poñan a producir áreas de terra agraria abandonada ou infrautilizada e con boa capacidade produtiva, por iniciativa da administración ou de particulares. Precisamente, ese é o fin principal dos polígonos agroforestais, que se complementan tamén coas aldeas modelo e as actuacións de xestión conxunta.

 

Continuidade das explotacións

Durante a súa presentación, Inés Santé salientou que a lei promove tamén a continuidade das explotacións e a boa xestión das terras que as conforman. Neste senso, indicou que a través do Banco de Terras de Galicia estase a fomentar o acceso á terra para toda aquela persoa que desexe dedicarse á actividade agroforestal. Ademais, a Xunta tamén traballa na posta en marcha do Banco de Explotacións, que pretende favorecer a remuda xeracional no agro galego.

 

Así, o Banco de Explotacións será un instrumento público de mediación coa finalidade de facilitar a posta en contacto entre titulares de explotacións que, voluntaria ou forzosamente, abandonan a actividade, e persoas interesadas na súa incorporación, co obxectivo de garantir a continuidade das explotacións e así loitar contra o seu desmantelamento e o abandono das terras que as conforman.

 

Entre as súas funcións, o Banco encargarase de elaborar e publicar un listado actualizado das explotacións susceptibles de mediación, así como de facilitar o labor de mediación, poñendo á disposición das persoas interesadas a información vinculada ás explotacións incluídas. O obxectivo é que esa información sexa de utilidade na consecución de negocios de cesión ou arrendamento entre as persoas titulares e as interesadas.

 

Catálogo de solos agropecuarios e forestais

Por último, a directora xeral tamén incidiu en que, a través da Lei de recuperación, estase traballando na creación dun Mapa de usos agroforestais, que reflectirá o emprego das terras e servirá de base para planificar as actuacións das administracións públicas na materia. En relación coa identificación e coa ordenación de usos, tamén se prevé a creación dun Catálogo de solos agropecuarios e forestais, que tratará de facer unha planificación integral contemplando os usos agrícolas, gandeiros e forestais.

 

Desta forma, salientou Santé, clasificarase a totalidade dos terreos en agropecuarios ou forestais, analizando os factores que condicionan a aptitude da terra e deixando claro os usos permitidos, prohibidos e autorizables en cada caso.

 

Imaxes relacionadas