A Xunta mellora a prestación do servizo de seguridade no edificio xudicial de Ourense

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, visitou hoxe o edificio, onde se instalou unha cabina de protección cun orzamento de case 10.000 euros

A medida enmárcase no compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas xudiciais a prol do confort do persoal e da cidadanía

Ourense, 27 de setembro de 2022

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe o edificio xudicial da cidade ourensá, en cuxa entrada vén de instalarse unha cabina de protección para o persoal de seguridade e de vixilancia. A Xunta destinou a esta mellora preto de 10.000 euros.

 

Segundo puido comprobar o director xeral na súa visita, o espazo diáfano no que tiña que traballar o persoal de seguridade e vixilancia desta instalación impedía o axeitado desenvolvemento do seu labor. Coa nova cabina de protección, garántese a privacidade da actividade e do control de acceso a través das cámaras de seguridade. 

 

A medida responde ao obxectivo da Xunta de poñer á disposición do persoal e da cidadanía un edificio que garanta a prestación de servizos nas mellores condicións de confort tanto para o persoal como para a cidadanía. Para José Tronchoni, ponse así de manifesto o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas xudiciais. Nesta liña, salientou o investimento de máis de 125 millóns de euros no Plan de Infraestruturas Xudiciais e a creación da Cidade da Xustiza de Vigo, á que se destinaron 42 millóns de euros.

 

A mellora dos recursos materiais complétase co impulso que lle está a dar á dixitalización nos xulgados galegos a través do Plan tecnolóxico da Administración da Xustiza en Galicia, Senda 2025, presupostado en 43 millóns de euros. Con este novo plan a Xunta dálle continuidade aos dous Plans Senda anteriores aos que xa destinou outros 50 millóns de euros.

 

Na súa visita aos xulgados de Ourense, o director xeral de Xustiza mantivo un encontro co xuíz decano, Leonardo Álvarez; a fiscal xefe, Eva Regueiro, e o secretario coordinador provincial de Ourense, Marcos González, na que abordaron o funcionamento da Administración de Xustiza na provincia ourensá. Na reunión, José Tronchoni, confirmou que a Xunta prorrogará os funcionarios das oficinas xudiciais ás que están adscritos.