Avanza a rodaxe en Galicia co apoio da Xunta de ‘O corno’, a segunda longametraxe de Jaione Camborda

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visita o equipo durante a xornada de traballo en Vilanova de Arousa desta coprodución internacional encabezada polas galegas Esnatu Zinema e Miramemira xunto á produtora de Alcarrás

A Consellería de Cultura subvenciona o filme con axudas á produción e á fase previa de desenvolvemento, que suman unha achega de máis de 260.000 euros

A contorna natural da Illa de Arousa e a fronteira portuguesa na zona do Rosal acollen a filmación desta historia protagonizada pola bailarina Janet Novás, no seu debut como actriz de cine

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 27 de setembro de 2022

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou este mediodía o equipo de O corno, segunda longametraxe da realizadora vasca afincada en Galicia Jaione Camborda, durante a xornada de rodaxe que se leva a cabo en Vilanova de Arousa. A Xunta de Galicia subvenciona esta coprodución internacional cunha achega de máis de 260.000 euros á empresa galega Esnatu Zinema, a través das convocatorias de axudas para produción audiovisual de 2020 e para o desenvolvemento previo de proxectos de 2019.

 

Xunto coa propia Jaione Camborda, á fronte de Esnatu Zinema, son produtoras do filme Andrea Vázquez, da tamén galega Miramemira e responsable de películas como O que arde, de Oliver Laxe; e María Zamora, de Elastica Films, con títulos como Alcarràs, Oso de Ouro na pasada edición da Berlinale e candidata española ao Oscar á mellor película internacional. O corno conta, ademais, con participación belga e portuguesa.

 

Camborda volve poñerse detrás da cámara tras a estrea en 2019 da súa ópera prima, Arima, producida tamén co apoio da Xunta e pola que obtivo o premio á mellor dirección na sección Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla.

 
Versión orixinal en galego

A súa segunda película, rodada en galego, está ambientada na Galicia rural dos primeiros anos 70 do pasado século para contar a historia de María, unha parteira que se ve obrigada a fuxir a Portugal a través dunha antiga ruta de contrabandistas.

 

A bailarina e creadora galega Janet Novas dálle vida á protagonista, no que é o seu debut como actriz de cine. Cóntase tamén coas interpretacións de Julia Gómez e de Diego Anido, aos que se une un elenco de actores non profesionais naturais das zonas de rodaxe, co obxectivo de lle dar máis veracidade e cohesión a todos os elementos da fita.

 

A rodaxe, que arrancou o pasado 12 de setembro, estenderase ata finais de outubro por diferentes localizacións da contorna natural da Illa de Arousa e da fronteira portuguesa na zona do Rosal. A súa estrea comercial está prevista para a segunda metade de 2023.

Imaxes relacionadas