A Xunta constata a falta de previsión do Goberno de España sobre o pago a Galicia dos descontos do transporte público autonómico

O Ministerio de Transportes recoñece en resposta a unha consulta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que descoñece aínda as contías concretas que se destinarán a cada comunidade autónoma e segue sen avanzar a data na que efectuará o pago
 

A Xunta asume integramente desde o pasado 1 de setembro o custo das bonificacións do transporte público autonómico, que a Comunidade elevou ao 50%

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022

A Xunta vén de constatar, novamente, que non existe aínda previsión no Goberno de España sobre a cantidade que transferirá a Galicia para financiar os descontos do transporte público autonómico nin a data en que fará efectivo o seu pagamento.

 

En resposta a unha consulta formulada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a Secretaría Xeral de Transportes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana recoñece que ten pendente aínda a realización e notificación da resolución dos expedientes que debe “permitir saber as contías concretas que corresponden a cada comunidade autónoma”.

 

Así mesmo, en relación coa data prevista para facer efectivo o pagamento, a Secretaría Xeral de Transportes remítese a indicar que se realizará no terceiro trimestre do ano, sen máis nivel de concreción.

 

Deste xeito, queda unha vez máis acreditado que a Xunta debe continuar financiando integramente o custo das bonificacións que desde o pasado 1 de setembro se están a aplicar no transporte público de titularidade autonómica.

 

O Goberno galego decidiu elevar ata o 50% a contía da bonificación do 30% anunciada polo Goberno de España, financiando con fondos propios a diferenza, así como a totalidade da súa aplicación no transporte de ría de Vigo e no Feve da comarca de Ferrol. Sen embargo, ata o momento a Xunta está a financiar integramente a totalidade dos descontos.

Imaxes relacionadas