Fernández-Tapias salienta a colaboración entre Fundamar, Universidade de Vigo e Xunta para promover a innovación responsable no sector pesqueiro

A delegada territorial da Xunta participou na apertura da xornada na que se presentaron os resultados do Plan de Acción para a Promoción da Investigación e Innovación Responsable no ámbito mariño

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destacou a Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia como exemplo de colaboración no eido da investigación mariña e a prol do equilibrio nos criterios medioambientais, sociais e económicos

Vigo, 27 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este martes na presentación dos resultados do Plan de Acción para a Promoción da Investigación e Innovación Responsable no ámbito mariño (proxecto Pasos) levado a cabo gracias á colaboración de Fundamar, os centros de investigación CIM e Ecobas, da Universidade de Vigo, e o apoio da Rede Eusumo da Xunta de Galicia.

 

“Estamos ante un bo exemplo dos froitos que se poden lograr gracias á colaboración entre diferentes organismos en busca do ben común. Fundamar, Universidade de Vigo e Xunta de Galicia camiñan xuntos tamén nesta ocasión co obxectivo de promover a investigación e a innovación responsable a través das entidades de economía social”, sinalou a representante autonómica.

 

Fernández-Tapias aproveitou a ocasión para referirse ao veto de Bruselas á pesca de fondo do que dixo “é un ataque directo á flota, sen ningún fundamento ou estudo que o avale”, para engadir que “se trata dunha decisión completamente arbitraria que pode supoñer un golpe mortal para o sector”. Recollía así a luva do presidente de Fundamar, Javier Touza, quen se manifestou visiblemente molesto coa medida. 

 

Ambos os dous coincidiron en reclamar ao Goberno de España que exerza toda a presión política necesaria e busque aliados noutros países igualmente afectados. “Desde a Xunta apoiaremos calquera actuación neste sentido aportando datos e os argumentos técnicos e xurídicos que sexan necesarios”, anotou a delegada territorial para quen a moratoria de dous meses que defende o Executivo autonómico “é fundamental para evitar danos irreversibles para o sector”. 

 

Fernández-Tapias confiou no apoio do Estado, que é o que está lexitimado para facer esta reclamación, e nas xestións do ministro Luis Planas, ao tempo no que reclamou ao ministro de Consumo, Alberto Garzón, maior coñecemento e seriedade nun tema tan importante. “Sorprenden as súas declaracións e máis que as faga nunha visita a Vigo, á capital europea da pesca”, sentenciou.

 

Fernández-Tapias acudiu á apertura da xornada no Edificio Redeiras do Berbés, no que tamén participaron Maribel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo, e Javier Touza, presidente de Fundamar, que foi clausurada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Tamén estiveron presentes diferentes representantes dos centros de investigación CIM e Ecobas, das entidades do sector mariño e da administración, que debateron sobre as accións propostas no plan e as posibilidades de mellora do sector.

 

A iniciativa pretende reducir a fenda que existe entre a comunidade científica e a sociedade, incentivando que as entidades do sector do mar traballen xuntas en todo o proceso de investigación e innovación. 

 

Colaboración no ámbito da investigación

Durante a clausura deste evento, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, enxalzou a importancia de contar con mecanismos que favorezan a colaboración no ámbito da investigación mariña. Nesta liña, puxo como exemplo a Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia, unha iniciativa pioneira na comunidade galega e creada pola Xunta para incrementar o intercambio de información entre os diferentes axentes relacionados con este eido e coa finalidade de adaptarse ao contexto ambiental e socioeconómico das pesqueiras e recursos mariños galegos.

Este órgano, subliñou Susana Rodríguez, enriquecerá os datos e argumentos de Galicia a favor dunha xestión marítimo-pesqueira na que estean en equilibrio os criterios medioambientais, económicos e sociais e para garantir o futuro do mar promovendo unha xestión responsable. Neste sentido, destacou a necesidade de máis datos biolóxicos, ambientais e socioeconómicos para defender os intereses de Galicia ante institucións como as europeas e fixo fincapé en que esta rede representa o potencial da comunidade neste ámbito.

Imaxes relacionadas