A Xunta respalda a creación do departamento de innovación da empresa Inproafe a través dunha achega do programa InnovaPeme

A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou as instalacións da firma afincada no polígono de Vilar do Colo e que presta servizos eléctricos e de automatización para os sectores industrial, naval e das enerxías renovables
 

Martina Aneiros destacou que, con este programa, a Administración autonómica apoiou un total de 32 proxectos de innovación no tecido empresarial galego cunha mobilización de 4,8 M€ de investimento

Fene (A Coruña), 27 de setembro de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Fene, Juventino Trigo, visitou esta mañá as instalacións da empresa Inproafe, onde puxo en valor o traballo que está a desenvolver a Xunta para impulsar a innovación en pemes e micropemes galegas de diferentes sectores dende a colaboración-público privada.

 

A empresa, situada no polígono industrial de Vilar do Colo e que desenvolve a súa actividade no ámbito dos servizos eléctricos e automatización industrial, naval e vinculada ás enerxías renovables, é unha das firmas beneficiarias do programa InnovaPeme impulsado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación. Inproafe mellorará a súa capacidade innovadora gracias a un apoio da Xunta de preto de 52.000 euros cos que creará un departamento de I+D+i do que carecía ata o momento.

 

Martina Aneiros apuntou que co programa InnovaPeme, este ano a administración autonómica apoia un total de 32 proxectos de innovación no tecido empresarial galego cunha mobilización de 4,8 M€ de investimento total.

 

A este respecto tamén informou de que a través das cinco convocatorias destas axudas desde 2017, a Xunta leva destinado 16M€ en apoios para 192 pequenas e medianas empresas en Galicia, das que case a metade, o 48,4% son microempresas.

Imaxes relacionadas