O Consorcio Casco Vello ultima o alugueiro dos locais para dinamizar o barrio histórico de Vigo tras recibir case un centenar de ofertas

A delegada territorial da Xunta en Vigo anunciou este martes que o concurso público está a piques de rematar coa adxudicación dos baixos comerciais
 

“A iniciativa posta en marcha o pasado mes de xullo foi un éxito e suporá a chegada ao Casco Vello de novos negocios e emprendedores”, sinalou Marta Fernández-Tapias

Vigo, 27 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Marta Fernández-Tapias, anunciou este martes que o organismo autónomo recibiu case que un centenar de ofertas para o concurso de alugueiros de locais comerciais e que ultima este días a súa adxudicación.

 

A iniciativa posta en marcha o pasado mes de xullo foi un éxito e suporá a chegada ao Casco Vello de novos negocios e emprendedores que dinamizarán o barrio histórico vigués”, sinalou a representante autonómico. Segundo avanzou a presidenta do Consorcio, os locais quedarán adxudicados nos vindeiros días en función das propostas mellor puntuadas en base ao prego de condicións.

 

O Consorcio publicou o pasado 27 de xuño no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) as bases do concurso de alugueiro dos vinte locais con prezos que van desde os 70 euros (rúa San Sebastián, 8) o máis barato ata os 255 euros o máis caro (Subida á Costa, 5). Catro dos baixos comerciais concentraron a maioría das ofertas e recibiron un total de 44 propostas. O inmoble de Abeleira Menéndez 16 tivo dezaseis candidatos, mentres que o da rúa Santiago 15 chegou ata as once, o de Santiago 19 outras nove e San Sebastián 16 recibiu oito máis.

 

Bloqueo do Concello

Fernández-Tapias lembrou que o Consorcio Casco Vello de Vigo xa propuxo hai máis de dous anos, en febreiro de 2020, alugar un total de 17 locais á Xunta de Galicia por un prezo de 24.816 euros ao ano (sen IVE), pero a negativo do Concello bloqueou entón a iniciativa.

 

“A xestión do Consorcio continúa adiante a pesar da permanente negativa do alcalde a calquera investimento da Xunta en Vigo. Xa bloqueou entón un gran proxecto para dinamizar o barrio e agora segue empeñado en torpedear o barrio histórico e non só estaba en contra dos alugueiros senón que votou en contra dos orzamentos e do plan de investimentos”, sinalou.

 

Como xa explicou a presidenta tras o consello de administración do Consorcio celebrado este mes de setembro, os representante municipais buscan paralizar a rehabilitación do Casco Vello. “O alcalde ten unha estratexia programada para dinamitar e torpedear calquera actuación do Consorcio, simplemente polo feito de que é a Xunta a que xestiona o organismo e non lle pode sacar réditos partidistas”, engadiu.

Imaxes relacionadas