O director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, participou na presentación do selo de calidade de Artesanía Alimentaria

A Xunta pon en valor a calidade da produción artesá no Galicia Fórum Gastronómico 2022

Este selo garante que aquelas producións que a leven contan cunha elaboración tra-dicional e unha presentación coidada, acorde coa súa condición de produtos que pretenden situarse entre os da gama gourmet

Durante o acto de presentación, tamén participaron tres operadores artesanais de referencia de experiencias de calidade galega amparados por este selo

A Coruña, 27 de setembro de 2022

O director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, asistiu esta mañá á presentación do selo de calidade de Artesanía Alimentaria no Galicia Fórum Gastronómico 2022, que celebra hoxe o seu último día en ExpoCoruña. Na súa intervención, o director explicou esta nova figura de calidade diferenciada, que busca pór en valor aquelas producións de elaboración artesá.

O obxectivo deste selo é diferenciar as producións do agro e do mar que se elaboran de xeito tradicional, así como protexer aos seus produtores. Ademais, o distintivo dá conta de que as producións que o levan son produtos elaborados con materias primas seleccionadas que non fan uso de potenciadores de sabor, colorantes ou saborizantes artificiais, quedando o uso doutros aditivos suxeito a importantes restricións. Tampouco empregan graxas trans (hidroxenadas artificialmente) ou graxas procedentes da palma ou do coco.

Os produtos divídense en dúas categorías e poden ser artesáns da casa (elaborados con materias primas procedentes dunha explotación agraria ligada á empresa artesanal responsable do produto) ou produtos artesáns de montaña (provintes de empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas como “de montaña”, dacordo co que establece a normativa da Unión Europea).

Durante a presentación, tamén participaron tres operadores de referencia de experiencias de calidade galega amparados por este selo, como son Alberto Fernández, de Adegas Menduiña (produtores de cervexa artesá), Nuria Calo, de As Camposeiras (conservas artesás de froitas, hortalizas e marmeladas), e Brígida Hermida, de Xearte Brigitte (obradoiro de xeados artesáns). Ao remate, realizouse unha degustación de produtos co selo de Artesanía Alimentaria.

Imaxes relacionadas