A Xunta subliña que iniciativas como High Tech Auto contribúen a consolidar o ecosistema de innovación da automoción galega

O director do Igape, Fernando Guldrís, participa na inauguración do 1º Foro – Feira High Tech Auto, onde destaca o papel desta incubadora na transferencia de tecnoloxía a toda a cadea de valor da industria
 

Subliña que esta iniciativa permite captar proxectos en etapas temperás de maduración que, máis tarde, poden incorporarse á Business Factory Auto, que ten dado como resultado ata o de agora máis de medio cento de novas compañías

Vigo, 27 de setembro de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Vigo na Inauguración do 1º Foro – Feira High Tech Auto, que se desenvolve no marco desta incubadora de alta tecnoloxía do sector da automoción promovida polo Goberno galego. Unha iniciativa que, como salientou Guldrís, é parte do ecosistema de innovación que Galicia está a consolidar en torno á industria automobilística.

 

“O talento é o verdadeiro motor de High Tech Auto, que se converte así nunha plataforma para xerar e validar ideas e proxectos empresariais, impulsar iniciativas conxuntas de I+D+i, crear empresas de base innovadora como vehículo de transferencia tecnolóxica, e trasladar esta tecnoloxía a micropemes e outras empresas que poidan incorporalas aos seus modelos de negocio”, afondou o director do Igape, incidindo en que a “función fundamental” para a competitividade do sector reside nesa “transferencia de tecnoloxía a toda a cadea de valor”.

 

Neste marco, Guldrís apuntou que o obxectivo de High Tech Auto é captar iniciativas en etapas temperás de maduración que, máis tarde, poden incorporarse á Business Factory Auto (BFAuto), que tamén forma parte dese ecosistema innovador, e que ten dado como resultado ata o de agora máis de medio cento de novas compañías.

 

“A BFAuto é outro gran exemplo de colaboración a todos os niveis: entre administracións; entre pequenas e medianas empresas do sector e grandes compañías como o Grupo Stellantis; e co respaldo da agrupación industrial da automoción, o Ceaga”, resaltou o director do Igape. Un escenario de colaboración que Guldrís avogou por facer extensible ao aproveitamento das oportunidades que ofrece o novo marco dos fondos europeos Next Generation.

Imaxes relacionadas