O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantén unha reunión de presentación e traballo co novo comisario xefe provincial

Luis López recibiu no edificio administrativo da Xunta en Campolongo a Juan José Díaz Jiménez, ao que lle ofreceu a total colaboración do Goberno galego

Pontevedra, 27 de setembro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, mantivo esta mañá unha reunión de presentación e traballo co novo comisario xefe provincial, Juan José Díaz Jiménez, no edificio administrativo de Campolongo.

No encontro, o representante autonómico interesouse polas súas primeiras semanas ao fronte da xefatura provincial da Policía Nacional e polas principais cuestións en materia de seguridade no ámbito da provincia, con especial fincapé no correspondente aos 47 concellos da área territorial de Pontevedra.

Así mesmo, o delegado territorial ofreceulle a total colaboración por parte do Goberno galego e puxo á súa disposición todas as canles comunicativas e administrativas do executivo autonómico en aras do interese xeral e a protección da cidadanía.

Imaxes relacionadas