A Xunta ve na futura plataforma de eólica mariña unha boa oportunidade para probar a compatibilidade das enerxías renovables coa actividade marítimo-pesqueira

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron esta tarde nunha reunión do Observatorio da Eólica Mariña

A plataforma poderá comezar a súa tramitación unha vez asinado o acordo entre a Xunta, a Autoridade Portuaria da Coruña e Rede Eléctrica de España

É preciso que o Goberno central axilice a aprobación dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) co obxectivo de coñecer as zonas delimitadas para a implantación destas enerxías

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, participaron esta tarde nunha reunión do Observatorio da Eólica Mariña, na que avaliaron o proxecto da plataforma experimental. Tal e como subliñou Conde, este proxecto suporá unha grande oportunidade para Galicia, que ademais está aliñado coa promoción da compatibilidade desta tecnoloxía renovable coas actividades existentes como a marítimo pesqueira.

 

Precisamente, na xuntanza deste órgano de consulta, incidiuse na prioridade que supón para a Xunta garantir o impulso desta tecnoloxía desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño. Por iso, búscase avanzar da man do sector da industria, do marítimo pesqueiro e das entidades vinculadas con representación no observatorio.

 

Unha vez asinado o acordo coa Autoridade Portuaria e Rede Eléctrica, a Administración galega poderá comezar a tramitación desta infraestrutura singular de ensaios na que se prevé investir 12M€. A plataforma constaría de dous ou tres aeroxeradores cunha potencia de 30MW e localizaríase a 10 quilómetros do porto exterior da Coruña co obxectivo de probar prototipos flotantes e facer estudos do medio mariño.

 

A principal diferenza con outros modelos que se están desenvolvendo noutras comunidades españolas é que Galicia conta con máis recurso eólico e que vai estar especializada unicamente en eólica offshore. Isto permitirá xerar coñecemento para un adecuado desenvolvemento desta enerxía mariña. Neste sentido, Conde lembrou que é preciso axilizar, por parte do Goberno central, a aprobación dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) co obxectivo de coñecer as zonas delimitadas para a implantación destas enerxías.

 

Pola súa banda, a conselleira do Mar incidiu na circunstancia de que esta plataforma sexa experimental, o que permitirá coñecer máis datos e circunstancias sobre a compatibilidade das novas enerxías e a actividade marítimo-pesqueira.

 

Así mesmo, Rosa Quintana apuntou á necesidade de poñer en marcha esta iniciativa nestes momentos para optar tanto ás axudas para proxectos piloto, plataformas de ensaio e infraestruturas portuarias para as renovables mariñas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, como aos fondos do Perte de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento.

Imaxes relacionadas