O conselleiro de Educación analiza nunha reunión de traballo as consideracións de Galicia á proposta de cambio radical do Ministerio que volve devaluar a cultura do esforzo

A Xunta presenta achegas á nova proba da ABAU que ve precipitada e que non soluciona as desigualdades entre alumnos de distintas comunidades autónomas

Galicia insiste na necesidade de establecer unha proba homoxénea, que asegure niveis de esixencia similares entre territorios e unidade de criterios de corrección


O Goberno central quere someter ao alumnado de 2º Bacharelato a unha proba piloto en primavera malia que que despois non se examinará con ese modelo en xuño


O novo exercicio de madurez esixe cambios metodolóxicos que afectan ao proceso de ensino-aprendizaxe e presenta problemas para ser avaliado, pois serán necesarios varios especialistas para realizar unha dobre ou mesmo tripla corrección


O calendario de implantación require formación previa adaptada aos novos criterios para alumnado e docentes, algo non previsto por Moncloa neste momento
 

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022

A Xunta ten xa listas as achegas sobre o proxecto de nova proba da ABAU para envialas ao Ministerio de Educación. Centradas tanto no modelo do exame como na pretensión de aplicalo de xeito precipitado, pide que non se repitan os problemas da implantación da nova lei educativa e non se xere incertezas no alumnado nun dos momentos máis decisivos das súa vida académica.

 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, mantivo unha reunión de traballo para analizar e ultimar os detalles do informe elaborado xunto co secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e coa directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández. Todos coinciden en que se trata dun novo paso que devalúa a cultura do esforzo, na liña do que vén sucedendo con distintas medidas por parte do Goberno desde a entrada en vigor da nova lei.

 

No referido á forma, o Goberno galego considera que o calendario proposto resulta precipitado e que non existe marxe para avaliar o funcionamento e resultado das probas piloto. A primeira delas está prevista para este mesmo curso, en primavera, e a ela o Goberno central pretende que concorra en abril alumnado de 2º de Bacharelato. Isto malia que dous meses despois, en xuño, se examinará co modelo vixente nos últimos anos. Isto, en opinión da Xunta, non resulta axeitado, dado que este alumnado cursou toda esta etapa escolar polo sistema da anterior lei educativa, o que supón obrigalos a afrontar un estrés innecesario, que repercute tamén nas súas familias e no propio profesorado.

 

Risco de maior subxectividade

O primeiro curso no que se comezará a implantar a nova proba é o 2023/24. Pese ao cambio radical que formula, aínda non figuran previstos cambios metodolóxicos nin formación previa adaptado aos novos criterios nin para os docentes nin para o alumnado de 1º de Bacharelato, que acaba de comezar esta etapa con novos currículos.

 

Ademais, a introdución dun exercicio de madurez cunha ponderación inicial do 25% (que chegará ao 75% no curso 2026/27) leva consigo varios problemas que o Ministerio non parece contemplar, entre eles como afectará ao proceso de ensino-aprendizaxe e a mestura de idiomas (no caso da nosa Comunidade o galego, o inglés e o castelán, que quedan esvaecidos) e de materias humanísticas, o que complica avalialo nunha única corrección. A Xunta teme que se incremente así o grao de subxectividade, o que faría preciso contar con varios especialistas para realizar unha dobre e mesmo tripla corrección.

 
Desigualdades territoriais

Precisamente esta nova estrutura, na que predomina o exercicio de madurez , vai acentuar as desigualdades territoriais, que son o principal problema detectado arredor do actual modelo da ABAU, pois as comunidades autónomas que mellores resultados colleitan en avaliacións internacionais de prestixio como PISA –como é o caso de Galicia– non teñen un resultado parello na proba. A proposta de Moncloa non resolve esta desigualdade, senón que a incrementa, dado que non establece un modelo único para todo o Estado a pesar de que despois os alumnos poden pedir praza en calquera universidade española. É dicir, realízanse 17 exames con criterios de avaliación diferentes para unha soa porta de entrada, o que afecta especialmente ao acceso de determinadas titulacións.

 

Neste sentido, a previsión de establecer acordos para o deseño da proba e da súa avaliación non é suficiente, xa que carecerán de forza normativa. Fronte a isto, Galicia insiste nunha proba homoxénea, que asegure niveis de esixencia similares e unidade de criterios de correccións, dando solución ao verdadeiro problema nesta materia.

 

Á vista destas eivas,  a Xunta lamenta a sensación de improvisación, o que contrasta coa necesidade de abordar unha reforma seria e profunda dun modelo que, pola súa natureza e repercusións no alumnado e na sociedade, debería ter vocación de permanencia. Un cambio do calado desta proposta debería afrontarse de forma pausada, co tempo preciso para consolidar e avaliar os novos currículos, que acaban de poñerse en marcha.

Imaxes relacionadas