A conselleira do Mar visitou o peirao de Ribeira para coñecer as actuacións que está a realizar Portos de Galicia na zona

A Xunta actualiza o alumeado portuario de Ribeira con equipos de tecnoloxía LED de altas prestacións e software de telecontrol

O Executivo galego inviste 340.000 euros nesta actuación incluída nun contrato conxunto de 3,8 millóns para unha trintena de dársenas autonómicas, das que a ribeirense é a que recibe maior orzamento

Ribeira (A Coruña), 26 de setembro de 2022

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, renovará o alumeado portuario do municipio de Ribeira con máis de medio cento de equipamentos, luminarias, proxectores e software de telexestión. Así llo trasladou esta mañá a titular de Mar, Rosa Quintana, ao alcalde de Ribeira e ao patrón maior da confraría de pescadores da localidade nunha visita ao porto, na que subliñou que esta actuación mellorará as condicións de iluminación e eficiencia enerxética, procurando unha reducida contaminación luminosa.

 

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, indicou que se implantará tecnoloxía LED con equipamentos de altas prestacións deseñados especialmente para traballar en espazos portuarios pola súa resistencia en ambientes mariños e condicións climáticas adversas. Ademais, incrementarase a protección contra sobretensións e implantarase unha capa tecnolóxica para o telecontrol de iluminación.

 

Esta actuación, cun orzamento de 340.000 euros, inclúese nun contrato conxunto de 3,8 millóns de euros que Portos de Galicia ten en licitación para unha trintena de dársenas autonómicas co obxectivo de dotar de sistemas de alumeado exterior sustentable o conxunto do sistema portuario autonómico.

 

No porto de Ribeira actuarase sobre 69 luminarias e proxectores para a súa renovación, incluíndo a retirada das instalacións existentes, substitución polos novos equipos LED, así como a dotación de sistemas de telexestión. Na mesma comarca, Portos desenvolverá tamén este proxecto nas dársenas de Aguiño (70.000 euros), A Pobra do Caramiñal (223.000 euros), Cabo de Cruz (133.000 euros) e Rianxo (268.000 euros). Deste xeito, esta actuación suporá un investimento de máis dun millón de euros na zona do Barbanza.

 

Investimento recente

Durante a súa visita á dársena ribeirense, Rosa Quintana destacou o compromiso de Portos de Galicia coa mellora constante do porto de Ribeira, no que “o ente público investiu 3,1 millóns de euros só nos últimos meses”. Así, lembrou que veñen de rematarse actuacións de envergadura como a reordenación da dársena, creando 90 prazas de amarre máis, a renovación de defensas e medios de amarre, a remodelación da fachada marítima no paseo das Carolinas, en colaboración co Concello, e a retirada das embarcacións abandonadas L´Etel e Eros II, entre outras medidas.

 

A conselleira do Mar concluíu que este esforzo inversor dá conta do compromiso da Xunta co porto de Ribeira, un dos de maior relevancia do sistema portuario autonómico e no que o Executivo galego leva investidos arredor de 50 millóns de euros desde 2009.