A Xunta inicia o traslado dos arquivos xudiciais á Cidade da Xustiza

O Goberno galego continuará a mediados do próximo mes co traslado das 39 unidades xudiciais que se instalarán no novo edificio, cunha media de dous órganos por semana

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022

  A Xunta iniciou hoxe o traslado do arquivo xudicial dos xulgados da rúa Lalín á Cidade da Xustiza no marco do plan de traslado acordado cos sectores implicados.

Unha vez finalizados estes traballos, a mediados do próximo mes prevese continuar co resto das 39 unidades xudiciais, cunha media de dous órganos por semana. Tamén se trasladarán a Fiscalía de Área, as dúas seccións da Audiencia Provincial, a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga), e o resto dos servizos comúns, como o decanato ou o servizo de atención ao cidadán, entre outros.

En total, o novo edificio xudicial acollerá máis de 500 traballadores, que terán á súa disposición unha escola infantil de 41 prazas para facilitarlles a conciliación laboral e familiar.

Cómpre lembrar que coa licenza de primeira ocupación, a Xunta xa levou a cabo os trámites previos ao traslado definitivo, traballando na recepción do mobiliario, na organización de espazos e na instalación dos equipos de gravación das salas de vistas.

A Cidade da Xustiza de Vigo é a obra xudicial máis importante desde que a comunidade ostenta as competencias en materia de Administración de Xustiza e a mellor do noroeste peninsular. Trátase dunha infraestrutura moderna, funcional e segura que contou cun investimento do Goberno galego de máis de 42 millóns de euros no marco do Plan de Infraestruturas Xudiciais, cun investimento de 125 millóns de euros e que permitiu dotar de novas sedes as cidades galegas e mellorar as xa existentes.

Cómpre engadir que o actual edificio dos xulgados situado na rúa Lalín de Vigo, unha vez rematado esta traslado das unidades xudiciais á Cidade da Xustiza, porase á disposición de entidades sociais da cidade para a ocupación temporal para usos sociais, culturais ou sanitarios dos locais. Por iso, a Xunta desenvolverá un concurso de ideas mediante un convenio de colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para levar a cabo as obras de rehabilitación coas que habilitar locais que poderán ser ocupados por entidades sociais.

Coa posta á disposición do edificio da Rúa Lalín a entidades sociais da cidade, a Xunta contribúe a mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo.

Imaxes relacionadas