O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe a refinería de Repsol na Coruña

A Xunta salienta o ecosistema de enerxía verde que se está xerando ao redor das capacidades loxísticas do porto exterior da Coruña

Conde precisa que se trata dun ecosistema tecnolóxico vinculado ás novas fontes de enerxía como o hidróxeno verde, os biocombustibles ou a eólica mariña, con proxectos como a futura plataforma experimental

A Coruña, 26 de setembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe a refinería de Repsol na Coruña, onde puxo en valor o ecosistema de enerxía verde que se está xerando ao redor das capacidades loxísticas do porto exterior de Punta Langosteira.

 

Conde precisou que se trata dun ecosistema tecnolóxico vinculado ás novas fontes de enerxía como o hidróxeno verde, os biocombustibles ou a eólica mariña. E, nese sentido, resaltou o compromiso de Repsol coa transición enerxética en Galicia pola disposición a liderar proxectos asociados á cadea de valor industrial do hidróxeno e a mobilidade sustentable.

 

“É unha demostración de como Repsol está lendo esta transformación industrial e enerxética en clave galega”, dixo, aludindo á “vocación de circularidade” das iniciativas que a multinacional ten en marcha neste momento na planta da Coruña. Entre elas, mencionou a fábrica de electrolizadores que prevé desenvolver xunto con Navantia e que, apuntou, reflicte a súa aposta por “consolidar tecido industrial”.

 

Nesta liña, o vicepresidente económico apelou ao espírito de colaboración que vén mantendo a Xunta de Galicia coa Autoridade Portuaria da Coruña para ser axentes facilitadores de novas iniciativas e proxectos empresariais que permitan avanzar na transición enerxética. E, como exemplo, mencionou a plataforma experimental de eólica mariña que a Administración autonómica, xunto co Porto da Coruña e Rede Eléctrica prevén poñer en marcha na contorna de Punta Langosteira.

Imaxes relacionadas