A Xunta convoca en outubro e novembro os propietarios dos terreos necesarios para executar unha senda nun treito da LU-530 coincidente co Camiño Primitivo en Lugo

O levantamento de actas previas á ocupación será o 26 de outubro no Centro Uxío Novoneyra de Lugo, e a súa formalización o 23 de novembro no mesmo lugar

O novo itinerario, cun investimento de 185.000 €, prevese executar neste ano, unha vez obtida a titularidade dos terreos

Construirase un itinerario de 1,3 km pola parte exterior da plataforma da vía, evitando a convivencia de vehículos, peregrinos e veciños pola estrada e reforzando a seguridade viaria

A Xunta segue traballando na integración do Camiño de Santiago en condicións de seguridade axeitadas e cuns criterios de deseño sostibles ambiental e economicamente

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria en outubro e novembro dos propietarios dos terreos necesarios para executar unha senda peonil no Camiño de Santiago Primitivo, na estrada autonómica LU-530, no concello de Lugo.

 

Os actos para o levantamento das actas previas á ocupación terán lugar o día 26 de outubro, das 9 ás 11 horas, no salón de actos do Centro Uxío Novoneyra, en Lugo. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 23 de novembro, no mesmo horario e lugar.

 

A actuación nesta vía que comunica Lugo e A Fonsagrada céntrase no treito comprendido entre os puntos quilométricos 6+800 e 8+100 e suporá un investimento da Xunta que rolda os 185.000 euros. As obras prevén executarse neste ano, unha vez que se poida obter a titularidade dos terreos.

 

O obxectivo é aumentar a seguridade dos peregrinos e veciños que circulan por este treito da LU-530, mediante a separación física do tráfico de vehículos do tráfico peonil.

 

Na actualidade a estrada carece dunha superficie específica para o tránsito dos peóns, polo que estes deben circular pola beiravía existente na marxe dereita da estrada. Esta necesidade de empregar a beiravía implica o cruce da estrada en dúas ocasións, nun treito de pouca visibilidade para o que se reforzou a sinalización para mellorar a seguridade viaria.

 

A intervención acometerase no tramo da marxe esquerda desta vía autonómica ao longo de 1,3 km de lonxitude. Habilitarase unha senda peonil que discorrerá pola parte exterior da plataforma da estrada, evitando a convivencia de vehículos e peregrinos ou veciños pola estrada.

 

Con esta actuación, a Xunta segue traballando na integración do Camiño de Santiago en condicións de seguridade axeitadas e cuns criterios de deseño sostibles ambiental e economicamente.