A Xunta inviste máis de 270.000€ na mellora da eficiencia enerxética no CEIP a Sangriña da Guarda co cambio de todas as fiestras

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou hoxe esta actuación, consistente na substitución das carpintarías exteriores, a renovación de todas as vellas caixas das persianas e a demolición dunha estancia sen uso para gañar superficie no salón de actos


Estas obras, que están rematadas tras executarse durante o verán, dan continuidade a outras reformas realizadas en anos anteriores neste centro por preto de 430.000€ e orientadas a melloras nos aseos, o sistema eléctrico, a cuberta do patio, a carpintaría interior e a sinaléctica
 

“Vimos de acometer obras en decenas de centros de toda a provincia de Pontevedra, cun investimento global de máis de 15 millóns de euros, para convertelos, de cara a este curso recén comezado, en espazos máis confortables nos que se siga prestando a mellor atención educativa”, revelou o representante autonómico
 

A Guarda, 26 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, vén de investir máis de 270.000 euros na execución dun proxecto global de mellora da eficiencia enerxética nos CEIP A Sangriña, no Concello da Guarda, onde se procedeu ao cambio de todas as fiestras.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e por outros representantes municipais e educativos, supervisou esta mañá a actuación realizada neste colexio, no que se acometeu á substitución de todas as carpintarías exteriores e a renovación das vellas caixas das persianas para mellorar o comportamento térmico do interior do centro.

 

Estas obras, que están rematadas tras executarse durante o verán co obxectivo de non interferir no curso lectivo que comezou hai dúas semanas, orientáronse á substitución das ventás preexistentes, xa que non ofrecían un axeitado illamento, carecían de rotura de ponte térmica e presentaban diversos problemas nas persianas.

 

Deste xeito, as ventás renováronse por outras con rotura de ponte térmica, dobre acristalamento, cámara de aire e sistema de apertura oscilobatente. Ademais, reformáronse as caixas das persianas coa eliminación dos antigos capialzados por uns de aluminio illado e substituíronse as celosías de formigón prefabricado en diversos espazos por fachadas de corte lixeira.

 

Ademais, aproveitouse esta obra para demoler a tabicaría dunha estancia anexa ao salón de actos que antigamente se empregaba como almacén e que estaba en desuso, xa que, deste xeito, gañouse espazo útil para esta sala polivalente.

 

Estas obras de eficiencia enerxética dan continuidade a outras melloras realizadas pola Xunta neste colexio en anos anteriores cunha contía de máis 430.000 euros que se destinou a reformas nos aseos, o sistema eléctrico e a carpintaría interior e á dotación dunha cuberta no patio exterior e de nova sinaléctica, entre outras.

 

“Vimos de acometer obras en decenas de centros de toda a provincia de Pontevedra, cun investimento global de máis de 15 millón de euros, para convertelos, de cara a este curso recén comezados, en espazos máis confortables nos que se siga prestando a mellor atención educativa e, loxicamente, o municipio da Guarda e toda a bisbarra do Baixo Miño benefícianse desta aposta da Xunta”, revelou o representante autonómico.

Imaxes relacionadas