A Xunta apoia a mellora do local social da asociación veciñal San Pablo de Catabois, en Ferrol

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o espazo no que se realizarán actuacións de acondicionamento cunha achega de 17.000 euros
 

A iniciativa enmárcase no Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais, no que a Xunta inviste tres millóns de euros este ano

Ferrol, 26 de setembro de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o local social da asociación de veciños e veciñas San Pablo de Catabois para coñecer as melloras previstas, nas que a Xunta investirá 17.000 euros. A iniciativa enmárcase no Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e mulleres rurais.

 

A achega da Xunta destinarase ao acondicionamento do espazo, así como á dotación de equipamento. Neste sentido, a directora xeral salientou que o obxectivo do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais é precisamente o de contribuír a satisfacer as demandas destas entidades a prol do benestar da veciñanza que representan e da calidade de vida no eido local.

 

Para Natalia Prieto, as asociacións de veciños e veciñas desenvolven un papel dinamizador fundamental, xa que fomentan actividades de lecer e de convivencia que dan resposta ás necesidades da cidadanía.

 

Incremento orzamentario

Consciente desta realidade, a Xunta incrementou este ano o orzamento do Plan específico de acción comunitaria ata os tres millóns de euros, o máis elevado xunto co de 2016, cando comezou a liña de subvencións. O aumento permitiu apoiar proxectos de 224 entidades. No total do período, o investimento sumou 16 millóns de euros e 1.375 beneficiarios.

 

No que se refire á provincia da Coruña, este ano investíronse 216.637 euros para 17 entidades. Deste global, 157.487 euros foron para 12 asociacións de veciños; outros 45.782 para catro comunidades de usuarios de augas, e 13.367 euros para unha asociación de mulleres rurais.

 

A directora xeral sinalou que a medida forma parte das diferentes liñas de apoio ao eido local, nas que figuran tamén a Orde de infraestruturas de uso público e o Fondo de Compensación Ambiental, dirixidas aos concellos.

Imaxes relacionadas