A Xunta colabora co concello de Nigrán para a posta en marcha de novos servizos de autobús entre as parroquias de Chandebrito e Panxón na segunda quincena de outubro

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asinará un convenio co Concello para complementar os servizos da concesión de autobús interurbano cunha nova liña de interese municipal

Haberá 3 expedicións de ida e 3 de volta de luns a venres durante todo o ano entre Chandebrito, Nigrán e Panxón

A liña inclúe paradas no Parque Empresarial Porto do Molle e no Centro de Saúde do Val Miñor

Créase a nova parada Vilariño para dar servizo ao Colexio Carlos Casares

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022 A Xunta colabora co Concello de Nigrán para a posta en marcha de novos servizos de autobús entre as parroquias de Chanderbrito e Panxón, que empezarán a operar na segunda quincena de outubro.

Mediante un convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Nigrán, activarase unha nova liña cun servizo de interese municipal, que amplía a cobertura do transporte público entre os núcleos de poboación do concello de Nigrán, como complemento na actual concesión de autobús interurbano.

As melloras introducidas nos servizos de transporte público na zona dan resposta ás necesidades de mobilidade detectadas e son froito do traballo conxunto entre a Xunta e o Concello de Nigrán para a creación dunha liña interna que enlaza as distintas parroquias e lugares de interese do termo municipal.

No referido aos novos servizos, prevese a creación dunha nova liña para atender a ruta Chandebrito-Nigrán-Panxón que contempla dúas configuracións e paradas nos itinerarios de ida e de volta.

A nova liña ofrecerá 3 expedicións de ida e 3 de volta, que estarán operativas de luns a venres, agás festivos, durante todo o ano. No traxecto Chandebrito-Nigrán-Panxón, os horarios serán: 7:45, 14:00, 16:15 horas, e  no sentido de volta, os servizos terán os seguintes horarios: 10:30, 15:15 e 20:40 horas.

Así, a nova liña atende 15 paradas nas que destacan, pola súa afluencia de persoas viaxeiras, a localizada no Parque Empresarial Porto do Molle e a parada no Centro de Saúde do Val Miñor. Ademais, créase unha nova parada, Vilariño (Colexio Carlos Casares) coa que se lle dá resposta ás necesidades da cidadanía.

Toda a información relativa aos cambios nos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.