A Xunta licita as obras para ampliar e mellorar as vías da contorna de Vilariño de Conso por 239.000 euros

A actuación enmárcase no plan Hurbe, unha iniciativa a través da cal dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 M€ para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia vén de licitar as obras para acondicionar e mellorar a intersección, vías e instalacións da intersección da rúa do Souto coa praza da Vila, no Concello de Vilariño de Conso, por 239.000 euros.

 

A actuación, financiada ao 70% pola Xunta e ao 30% polo Concello, consistirá na construción dun muro de contención de formigón e doutro de pedra, o deseño dunha rotonda, unha ampliación das vías e o saneamento das pluviais.

 

As tarefas de reforma acometeranse ao abeiro do plan Hurbe, unha iniciativa a través da cal dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.