A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático asistiu á asemblea xeral da Coalición Under2

A Xunta busca sinerxías na Semana do Clima de Nova York para incorporalas á futura lei galega sobre esta materia

Participar neste foro internacional ofrece a posibilidade de coñecer outras accións e boas prácticas que poden ser trasladadas á realidade galega e dar a coñecer os avances realizados pola Comunidade neste eido

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia buscou sinerxías na Semana do Clima de Nova York, o evento climático máis importante a nivel global, para incorporalas á futura lei galega sobre esta materia.

 

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, asistiu á asemblea xeral da Coalición Under2, celebrada baixo o lema ‘Fagámolo’. A esta coalición pertence un total de 270 gobernos de estados e rexións comprometidos coa loita contra o cambio climático. Galicia asociouse a esta coalición o pasado mes de outubro na reunión celebrada no marco da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP26) de Glasgow.

 

A Xunta considera fundamental participar neste foro internacional porque ofrece a posibilidade de coñecer outras accións e boas prácticas que poden ser trasladadas á realidade galega e, ao mesmo tempo, permite dar a coñecer os avances realizados por Galicia neste eido e mantela á cabeza das rexións pioneiras na mitigación do cambio climático.

 

De feito, ademais de estar preparando a que será a primeira lei galega sobre o clima e impulsar a Alianza Galega polo Clima, a Comunidade xa ten en marcha a Estratexia de Economía Circular 2019-2030 e a Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050. E, nesa liña, cómpre lembrar que as emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia no 2020 situáronse un 35,9% por debaixo do ano 1990, o que sitúa á nosa Comunidade nunha posición óptima para acadar o obxectivo de emisións netas cero para 2050.

Imaxes relacionadas