Fernández-Tapias chama a poñerse na pel das persoas xordas “todas as horas e todos os días” e a sumar apoios na loita pola súa inclusión real

A delegada territorial da Xunta en Vigo e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participaron hoxe nos actos de celebración do Día Internacional das Persoas Xordas organizados por FAXPG

Vigo, 23 de setembro de 2022

  A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, subliñou hoxe a importancia de poñerse na pel das persoas xordas “todas as horas e todos os días” nunha clara alusión ao lema elixido para a celebración do Día Internacional das Persoas Xordas.

 

A representante autonómica, quen destacou a necesidade de sumar apoios na loita pola súa inclusión real, chamou a atención sobre os datos que apuntan a que se calcula que existen no mundo máis de 70 millóns de persoas xordas, e que o 60% dos casos poderíanse ter prevido. Incidiu así na importancia da súa detección precoz e atención integral, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida.

 

Durante a súa intervención nos actos organizados pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) nos que tamén participou o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, abundou na importancia da colaboración entre entidades e institucións para acertar no deseño das políticas encamiñadas a este fin. Nesta mesma dirección, Fernández-Tapias recalcou o compromiso firme do Executivo autonómico para que as persoas con algunha discapacidade, sexa do tipo que sexa, “podan acceder en pé de igualdade a todos os servizos públicos e poidan comunicarse con facilidade, evitando situacións de illamento social”.

 

Xa para rematar, gabou o labor de FAXPG e trasladou ao seu presidente, Iker Sertucha, o interese da Xunta de Galicia por “seguir camiñando xuntos, da man como na última década”. Citou así algúns dos programas, de logopedia, de lingua de signos ou de envellecemento activo, que o Goberno galego promove en colaboración coa Federación. 

 

 

Imaxes relacionadas