O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou no II Congreso organizado pola Asociación de Centros de Día de Galicia

A Xunta pon en valor o papel dos centros de día como un servizo fundamental na atención e coidado dos maiores

O Goberno galego destina máis fondos que nunca a apoiar ás persoas de máis idade con servizos de proximidade, coidados especializados ou iniciativas de envellecemento activo

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2022.- O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, puxo en valor o papel dos centros de día como un servizo fundamental na atención e coidado dos maiores. Fíxoo esta mañá no II Congreso organizado pola Asociación de Centros de Día de Galicia (ACDgal) baixo o lema Reconstruíndo o futuro con outra mirada á vellez.

 

Antón Acevedo participou no acto de inauguración desta cita, que se celebra durante a fin de semana na Cidade da Cultura e que conta con diferentes conferencias de profesionais do sector, de académicos expertos no ámbito e tamén de particulares que achegan os seus puntos de vista e as súas historias de vida.

 

Neste sentido, o director xeral subliñou que o Goberno galego traballa conxuntamente con entidades como ACDgal para avanzar nunha sociedade na que os maiores escollan libremente como pasar esta etapa da súa vida. Así, subliñou que a Xunta de Galicia destina máis fondos que nunca a axudalos no caso de que necesiten servizos de proximidade, preto dos seus fogares, ou tamén con coidados especializados nos que estean atendidos sempre que o precisen.

 
Envellecemento activo

Ademais, para fomentar o envellecemento activo o Goberno autonómico traballa tamén na posta en marcha dun novo programa de viaxes e estancias en balnearios que lle permitan ás persoas maiores desfrutar desta etapa vital e vivir novas experiencias.

Imaxes relacionadas